O PP acusa ao goberno local de recortar servizos de conciliación e alerta de despidos

LugoXa
As populares denuncian a supresión de 100 prazas nas Aulas Abertas de verán en tres anos e a redución de horas e persoal no programa Aprende Xogando
PP-critica-conciliacion-familiar-escola-infantil-Lugo
3 Jul 2025

O Partido Popular de Lugo volveu criticar a xestión do goberno local en materia de conciliación familiar, alertando de recortes en servizos esenciais e despidos de persoal en programas educativos municipais.

A voceira do grupo, Elena Candia, e a concelleira Mar Carballas trasladaron esta preocupación esta mañá á Escola Infantil Gregorio Sanz, onde esixiron unha intervención inmediata para garantir unhas condicións adecuadas tanto para o alumnado como para o persoal do centro.

Durante a súa visita, ambas representantes denunciaron deficiencias nas instalacións, especialmente no sistema de climatización, chegando a rexistrar 30 graos de temperatura ás 8:30 da mañá esta mesma semana. Para o PP, trátase dun exemplo máis do “suspenso do goberno local” en materia de conciliación, que consideran agravado polos recortes en programas como as Aulas Abertas de verán e Aprende Xogando.

No caso das Aulas Abertas, as populares denuncian que nos últimos tres anos se eliminaron 100 prazas, a pesar da crecente demanda por parte das familias. Este programa, dirixido a nenos de entre 4 e 10 anos e que se desenvolve en cinco centros de convivencia da cidade, pasou de ofrecer 480 prazas no ano 2023 a 400 en 2024 e prevé reducirse a 380 en 2025. A este recorte engádese, segundo o PP, a falta de transparencia no proceso de adxudicación das prazas, incumprindo as bases que establecen un sorteo informático público do que non se ofrecen detalles sobre o lugar nin o procedemento.

En canto ao programa Aprende Xogando, que se mantén activo durante todo o ano e atende a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, o PP advirte dunha redución anual de 877,5 horas, o que supón máis de 16 horas menos por semana. Ademais, foron despedidas dúas traballadoras, malia o compromiso previo do Concello de manter a estabilidade laboral neste servizo. As populares tamén denuncian que os novos pregos non especifican cuestións clave como o número de prazas, a ratio de monitores por idade ou a atención a nenos con necesidades especiais, aspectos regulados por normativa estatal.

“A conciliación non pode quedar nun lema, debe ser un compromiso real coas familias, cos cativos e co persoal”, subliñou Candia, quen cualificou a situación actual como “inaceptable” e pediu un cambio urxente no modelo de xestión do Concello de Lugo. “É necesario un goberno que coide dos servizos públicos, actúe con responsabilidade e sexa transparente”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.29373002052307