O PP acusa ao PSOE de “frear a rehabilitación de edificios en barrios emblemáticos de Lugo”
O PP asegura que o Concello podería perder 2 millóns de euros de fondos europeos para rehabilitar o casco histórico e pide axilidade na publicación das bases. Nas filas populares están preocupados logo da reacción da alcaldesa que publicamente, no pleno de febreiro, dixo textualmente que “a urxencia agora mesmo non lle hai ningunha” en relación á rehabilitación da Milagrosa e barrio Feijóo que está declarado como Entorno Residencial de Rehabilitación Programado.
Deste xeito, temen que non só estean en perigo as axudas desta zona, senón tamén as que hai concedidas para o recinto amurallado. O concelleiro Ramón Cabarcos acusa ao PSOE de “frear a rehabilitación de edificios en barrios emblemáticos de Lugo” e critica a lentitude na xestión do Goberno local das axudas para rehabilitar 57 inmobles no casco histórico dentro do programa de axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia que se anunciou en maio de 2023.
Cabarcos explica que non hai nin convocatoria, nin bases que regulen as intervencións para rehabilitar vivendas no recinto amurallado e lembra que o remate do prazo para a adxudicación dos proxectos é o 31 de decembro de 2024, e que en xuño de 2026 conclúe o prazo para finalización das obras de rehabilitación.
Cabarcos insiste en que o 2023 foi “un ano perdido na recuperación das edificacións e zonas públicas tanto do casco histórico como nos barrios da Milagrosa e Barrio Feijóo”, puntualizando que é “unha mágoa que socialistas e nacionalistas só se acorden da súa veciñanza en eleccións”.