O PP acusa ao PSOE e ao BNG de Lugo de incrementar as privatizacións de servizos municipais
O PP acusa ao PSOE e ao BNG de Lugo de incrementar as privatizacións de servizos municipais utilizando fondos previstos para pagar salarios dos funcionarios. Tras transcender que a alcaldesa vén de asinar un decreto dunha modificación orzamentaria de máis de 22.000 euros, restando diñeiro do capítulo 1 dos orzamentos de gastos de persoal, para pagar a vixilancia de edificios municipais, a edil do PP Mar Carballas afirma que “este tipo de decisións delatan as contradicións entre o discurso dos nacionalistas e socialistas e as súas accións no Concello de Lugo”.
Recrimina que “condenen as privatizacións cando logo as apoian e utilizan modificacións de crédito para perpetualas”. Para os populares esta decisión “é dobremente grave: primeiro, porque están sacando diñeiro para privatizar da partida de persoal cando hai reservas nos orzamentos para contratar outras empresas e, segundo, porque desatenden as recomendacións do propio decreto que especifica que o contrato de vixilancia das instalacións municipais ten un carácter fundamental, por tanto estaría máis que xustificado ter persoal cualificado propio para levar a cabo estas función
Lembran que no que levamos de mandato o Goberno local fixo 33 modificacións orzamentarias por un importe de 1.450.098,80 euros o que pon en tea de xuízo a mala planificación e a improvisación do gasto dos recursos municipais. A popular Mar Carballas lembra o malestar crecente que hai no persoal municipal e critica ao goberno local que estea priorizando as privatizacións e non atende as débedas que ten cos seus traballadores o que repercutirá na atención final á cidadanía xa que hai falta de motivación e servizos saturados e sen persoal suficiente.