O PP acusa Concello de retrasar a exposición pública do proxecto da Rolda Leste
O Grupo Municipal do PP lamenta o atraso na tramitación da Rolda Leste debido ao “descoido” do Concello de Lugo ao non colgar no taboleiro de anuncios o proxecto sometido a exposición pública.
Explican os concelleiros populares que isto supón que non sexa posible analizar as alegacións recibidas ata o momento por non poder rematar este período de consulta, xa que haberá que agardar un mes máis para cumprir os requisitos legais necesarios.
Os populares agardan que este “descoido” débase á inoperancia do goberno local e non sexa “unha manobra para non ter que posicionarse e propoñer un trazado alternativo ao marcado pola reserva viaria no PXOM”.
Recordan dende o Grupo Municipal Popular que o trazado sometido a información pública “é idéntico ao previsto no PXOM do Concello de Lugo”, agás un punto concreto no que se despraza moi lixeiramente, xusto co obxectivo de reducir máis o impacto paisaxístico e ambiental sobre a contorna do río Rato.
Esta infraestrutura é imprescindible para vertebrar o sur da cidade, cunha importante previsión de desenvolvemento nos vindeiros anos, e comunicala co Hula e os parques empresariais, entre outras dotacións.