O PP advirte que a aplicación dun bando eliminará a metade das terrazas de Lugo
“Lugo podería perder máis da metade da superficie que agora ocupan as terrazas de hostalería”. Así o explica o concelleiro Antonio Ameijide tras ter coñecemento dunha comunicación realizada polo Concello de Lugo a un establecemento de hostalería na que lle comunican que “unicamente pode ocupar o espazo que ocupa o ancho da súa fachada”.
Unha situación derivada do bando publicado polo Concello de Lugo o 20 de marzo de 2024 no que ordenaban a retirada de todas as terrazas que non contaban con permiso ou que estaban localizadas en lugares non habilitados no prazo dun mes.
De seguir aplicando esta medida, “o máis lóxico é que van seguir así, porque senón implicaría que aplican unha dobre vara de medir en función do hostaleiro”, corren serio risco de desaparecer máis da metade do espazo dedicado a terrazas na cidade.
Entre as terrazas que corren serio risco de ver como diminúen están todas aquelas situadas na Praza Maior, Campo Castelo, rúa San Marcos, rúa da Cruz, rúa Bispo Basulto, rúa San Fernando, Rúa Bispo Aguirre ou Avenida das Fontiñas, entre outras zonas.
Antonio Ameijide pregunta ao goberno local “que van a facer agora?” xa que dende a publicación do bando o pasado 20 de marzo “xa provocaron a desaparición de máis da metade das terrazas de Lugo e agora van a por máis”.
Unha situación que está a provocar “un grave dano económico” a todo o sector xa que ás perdas que teñen que asumir pola redución das terrazas hai que engadir todo o investimento realizado no seu momento na adquisición de mobiliario, toldos ou cortaventos para as terrazas, entre outro material.
ORDENANZA TERRAZAS
O concelleiro popular tamén pregunta “para cando terá preparado o Concello de Lugo o borrador da ordenanza de terrazas” que se comprometeron a consensuar cos profesionais da hostalería e dos sectores vinculados. “Agardamos que tamén se conte coa oposición para consensuar o mellor texto posible”, sinalou.