O PP afea a Lara Méndez vender a demolición das torres das Costas do Parque como un éxito de xestión

LugoXa
O PP acusa á alcadesa de presentar como positivo a emisión do decreto que ordena aos propietarios do Garañón a súa demolición.
torres garañón Lugo
19 Ago 2022

O Partido Popular acusa a Lara Méndez de maquillar a realidade e presentar como positivo para Lugo a emisión do decreto que ordena aos propietarios do Garañón a súa demolición. O voceiro popular Ramón Carballo afirma que “a orde de demolición da que se sinte tan orgullosa Lara Méndez o único que certifica é o fracaso e os chanchullos urbanísticos que houbo en Lugo durante o último cuarto de século socialista”. “Resulta penoso que intente enganar á cidadanía presentando como un trunfo unha ilegalidade cometida polos seus padriños políticos”, subliñaba.

O voceiro popular descreditou a “eficacia do procedemento” recordándolle a Méndez “que leva 8 anos prometendo que tiraría as torres” e engaden que “moito nos tememos que sexa unha nova cortiña de fume para prolongar prazos ata a campaña electoral e minimizar así a súa falta de traballo e capacidade de xestión” Ramón Carballo explica que outra das consecuencias do urbanismo á carta do PSOE é o bloqueo de arquitectura e urbanismo xa que “se está ocupando con este asunto a funcionarios que debían estar tramitanto centos de licenzas que están nos caixóns pendentes de revisar”.

O voceiro dos populares puxo de manifesto que o seu Grupo leva anos esixindo que se tire o Garañón así como a reposición da legalidade e lembra como “presentamos diferentes propostas para que se adoptase unha solución de menor impacto económico, menor impacto visual e maior zona verde posible”. Os populares piden á cidadanía que non esqueza “quen foi quen durante este proceso” resumindo “o PSOE votou, planificou e foi o brazo executor; o BNG antes moi crítico agora cala e consinte, e o PP dende o minuto 1 advertiu do frontón da opción escollida e propuxo solucións (edificacións aterrazadas e desplazar a edificabilidade cara á zona de República Arxentina)

Carballo lembrou como foi no ano 2005 “cando os votos dun alcalde socialista xunto cos seus concelleiros permitiron que o volume edificatorio que había para esta zona se distribuise do xeito máis lesivo para os veciños e daban o visto bo a edificar 6 torres de 9 plantas nas costas do parque”. Os populares lamentan que dende o PSOE desoira a solución urbanística que o PP lles presentou de facer edificacións aterrazadas e desplazar a edificabilidade cara á zona de República Arxentina.

0.18281698226929