O PP afirma que a campaña de roza da estradas provinciais foi un fracaso

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PP di que a campaña de roza da maleza das estradas provinciais é outro "rotundo fracaso" de Tomé como delegado de Vías e Obras.
Monterroso estrada provincial sen desbrozar (2)
11 Sep 2021

O PP di que a campaña de roza da maleza das estradas provinciais é outro "rotundo fracaso" de Tomé como delegado de Vías e Obras e reclama de novo que renuncie a esta responsabilidade.

O portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Tal como anticipou o grupo provincial do Partido Popular en Muras, no pasado mes de xullo, temos que denunciar un novo fracaso da política de estradas do goberno da Deputación de Lugo, temos que poñer de manifesto a malísima xestión  que está a levar o delegado de Vías e Obras, o señor Tomé”. Lembra que “naquel momento xa denunciabamos que había unha tardanza enorme e que había moitas localidades nas que durante o verán as estradas provinciais seguirían cheas de maleza”. Sinala: “E iso é o que hoxe vimos denunciar en Monterroso: como ocorre neste municipio, hai moitos outros nos que as estradas provinciais, algunhas delas con moitísimo uso,  que comunican núcleos importantes do concello ou con outros concellos, están aínda sen desbrozar”. Os populares demandan novamente de José Tomé que renuncie a seguir á fronte de Vías e Obras e avisan de que é "insostible manter esta situación durante dous anos máis".

Castiñeira manifesta: “Lamentamos esta situación, porque os grandes prexudicados son os veciños do rural. Á vista de como están as cousas, temos que seguir denunciando esa política de agravios que están a facer o PSOE e o BNG  en contra de alcaldes e concellos gobernados polo PP ou por outras agrupacións, como é o caso de Monterroso e moitos outros. Houbo concellos costeiros que botaron practicamente todo o verán  con estradas que levan a praias sen rozar, polo que, nalgún caso, tivo que facelo o propio Concello para evitar dar mala imaxe”.

O portavoz popular define así a situación da delegación de Vías e Obras, comandada por Tomé: “Está absolutamente abandonada. Por iso denunciamos esta situación. As probas están aí. Máis de once sancións tivo que aplicar o goberno da Deputación de Lugo a empresas contratistas que non cumpriron os prazos, pero iso non chega. Isto demostra inoperancia; non vale con sancionar, o que hai que facer é xestionar, anticiparse, planificar. E iso é o que non está a facer o delegado de Vías e Obras, polo que novamente pedimos a súa dimisión”.

Castiñeira sinala: “Pasamos o ecuador deste mandato e non podemos seguir dous anos máis con esta inoperatividade, causada por un mal xestor das Vías e Obras da nosa provincia como é o señor Tomé”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18883013725281