O PP agarda que o Plan de Emerxencias Municipal se materialice axiña

LugoXa
Ramón Carballo urxe levar a cabo esta actualización para responder de forma áxil e coordinada ante calquera emerxencia.
29 Abr 2021

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Ramón Carballo, agarda que o acordo ao que se chegou no pleno de hoxe, para actualizar o Plan de Emerxencias Municipal se materialice axiña para maior seguridade de todos os lucenses.

Recorda o voceiro popular que o plan de emerxencias vixente data do 23 de maio de 2007, polo que neste plan non se recollen barrios enteiros, como Augas Férreas, nin o auditorio, nin o centro comercial de Duquesa de Lugo, nin a Ponte Branca sobre o río Miño. 

Para os populares urxe levar a cabo esta actualización do PEMU "xa que se trata dunha ferramenta indispensable para responder de forma áxil e coordinada ante calquera emerxencia tratando de evitar atrasos ou mesmo duplicidades nas intervencións".

Mentres, Antonio Ameijide di non entender como "o goberno local votou en contra dos veciños do barrio da Ponte ao negarse a desenvolver un área de rehabilitación neste barrio lucense, xa que se trata dunha petición dos veciños desta zona".

O vicevoceiro popular defende que "é imprescindible poñerse a traballar neste barrio da cidade, xa que as casas teñen moitos anos, polo que urxen axudas e incentivos para a súa rehabilitación, polo que o ARRU é a ferramenta fundamental para poder acadar este cometido, para mellorar as vivendas, captar e asentar poboación e crear negocios".

Un ARRU que, según os populares, se debería de acompañar dun Plan Director da contorna do Miño, como eixo da recuperación do barrio, algo para o que é preciso completar o cinto verde na unión Miño – Rato ou apostar por ampliar o parque periurbano. 

Por outra beira, Cristina Abades amosou a súa satisfacción despois de que se aprobase unha iniciativa para que o Concello de Lugo se sume ás reivindicacións realizadas por outros concellos de España, como Cádiz, Xirona, Madrid, Valencia ou Zaragoza, para solicitar ao Goberno de España a reformulación das axudas estatais aos municipios e así avanzar nun novo sistema de financiamento das entidades locais que mellore o actual e definir o acceso ao financiamento europeo dos concellos respecto aos fondos asignados a España por un importe de 140.000 millóns de euros.

0.19278001785278