O PP alerta da falta de hidrantes no Ceao e denuncia a situación crítica do servizo de bombeiros de Lugo

O Partido Popular de Lugo advertiu estes días da falta de hidrantes no polígono do Ceao, unha carencia que cualifican de grave nunha zona que xa sufriu varios incendios. A voceira popular sinalou que esta situación evidencia tamén as deficiencias do propio servizo de bombeiros da cidade, que consideran infrafinanciado e mal xestionado.
Segundo explican, o parque de bombeiros atópase actualmente sen xefe, sendo un cabo quen asume as funcións de sarxento. A relación oficial de postos establece que Lugo debería contar cun cadro de 56 efectivos —un sarxento e 55 bombeiros, cinco deles cabos—, mais a realidade é que só hai 48 traballadores, dez interinos, e oito prazas vacantes sen cubrir. Esta situación provoca que en moitas emerxencias sexa necesario chamar a persoal que está de permiso ou cubrir mandos a través de listas de voluntarios, algo que, denuncian, “non é asumible nun servizo esencial”.
Nunha cidade como Lugo, apuntan, é preciso garantir un mínimo de nove efectivos por quenda con mando, cando a plantilla completa permitiría organizar cinco turnos de once bombeiros máis un sarxento. Por iso, o Grupo Popular insiste en revisar a Relación de Postos de Traballo para recuperar prazas técnicas e crear novas de bombeiros, tal e como xa se aprobou nunha proposición no pleno de maio de 2024. A súa proposta pasa por reforzar a escala de mandos, crear cinco prazas de sarxento e avanzar progresivamente ata acadar 15 bombeiros por quenda.
Os populares tamén apoian a demanda de promoción interna do corpo, coa finalidade de mellorar as condicións laborais e equiparalas ás doutros municipios, pasando da categoría C1 á C2.
Ademais, reclaman a modernización das instalacións, lembrando que existen baños inutilizados desde hai anos e que en abril houbo un brote de lexionela que obrigou a pechar as duchas durante meses. A día de hoxe, insisten, seguen sen estar resoltos problemas básicos de mantemento no parque.