O PP alerta do "grave estado" do céspede artificial do campo de fútbol de A Cheda en Lugo

LugoXa
O concelleiro Damián Carballo insta a unha actuación inmediata do Concello para garantir a seguridade dos xogadores
entrada-campo-municipal-A-Cheda-Lugo
13 Mar 2026

O concelleiro do Partido Popular de Lugo, Damián Carballo, denunciou "o grave estado de conservación do campo de fútbol municipal de A Cheda, cuxa superficie de herba artificial presenta un notable deterioro que compromete a seguridade dos xogadores".

Segundo Carballo, a situación do campo "provoca queixas de clubs, futbolistas e árbitros, evidenciando a necesidade urxente de intervencións para garantir unhas condicións seguras e dignas para a práctica do deporte na cidade".

“O céspede artificial de A Cheda non reúne as condicións mínimas de seguridade e funcionalidade. Esta situación non é nova; xa a denunciamos en ocasións anteriores e seguimos agardando que se actúe con responsabilidade”, sinalou Carballo.

O concelleiro popular instou ao responsable de Deportes, Jorge Bustos, a que “saia á luz ante esta situación ou delegue en alguén que poida ocuparse de xeito eficaz das necesidades do deporte lucense”, reclamando un compromiso firme cos clubs e deportistas da cidade.

Damián Carballo reiterou a súa disposición a colaborar co Concello para buscar solucións inmediatas que garantan a seguridade de quen practica fútbol en Lugo e lembrou que o deporte local merece instalacións en bo estado e unha xestión transparente e responsable.

0.11339402198792