O PP amplía a súa campaña sobre o novo plan de mobilidade con reunións sectoriais

O Grupo Popular de Lugo anunciou que ampliará a campaña informativa que está a desenvolver sobre o novo plan de mobilidade aprobado polo goberno local de PSOE e BNG. Tras celebrar catro das oito reunións explicativas abertas á veciñanza en distintos barrios da cidade, e ante a boa acollida da cidadanía, os populares decidiron dar un paso máis e organizar encontros sectoriais con entidades vinculadas á discapacidade, cos equipos de emerxencias e con empresas e profesionais da distribución, xa que son ámbitos nos que a organización do tráfico, os accesos ou as zonas de carga e descarga teñen unha incidencia directa no día a día dos seus usuarios.
A voceira do Grupo Popular, Elena Candia, explicou que o obxectivo destes encontros é que os colectivos que dependen especialmente da mobilidade poidan analizar con detalle como lles afectan os cambios recollidos no documento e aportar a súa visión sobre posibles melloras. Segundo Candia, esta iniciativa busca implicar á cidadanía e aos colectivos máis sensibles aos efectos do plan nun proceso de participación real que garanta decisións máis xustas e equilibradas.
Desde o PP lembran que a apertura dun prazo de alegacións ao plan de mobilidade produciuse despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitise a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado polos populares, fronte ao intento do bipartito de aprobar o plan sen debate no pleno nin as garantías xurídicas necesarias. Para o grupo, “as decisións que afectan directamente á mobilidade dos lucenses non poden adoptarse sen transparencia nin consenso”. A apertura do prazo de alegacións, que remata o 18 de marzo, confirma que o plan non estaba aprobado definitivamente, e ofrece á cidadanía a oportunidade de participar activamente na súa mellora.
As reunións programadas para a próxima semana serán: Milagrosa o luns 9 de marzo ás 20.30 horas no Local Parroquial da Praza da Milagrosa, A Residencia o mércores 11 de marzo ás 20.30 horas na Sede do Partido Popular (Ramón Cabanillas, 14) e Fontiñas o xoves 12 de marzo ás 19.00 horas no Centro de Convivencia Maruja Mallo. Estas citas buscan garantir que os colectivos e profesionais máis afectados poidan participar e achegar a súa perspectiva sobre o impacto do plan no tráfico, nos accesos e nas zonas de carga e descarga.