O PP anuncia que non asistirá aos actos do 8M pola resposta de PSOE e BNG á querela contra Tomé

Os deputados do Grupo Provincial Popular anunciaron esta mañá que “non asistirán” á lectura do manifesto polo 8M da Deputación de Lugo, previsto para este venres ás 10:30 horas. “Mentres PSOE e BNG sigan a blanquear a José Tomé, a mantelo nos cargos, a subirlle o salario e manter nos cargos aos que taparon todo, nós non participaremos dese teatro”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, afirma que unha vez que a Fiscalía anunciou unha querela contra Tomé, “PSOE e BNG deben de dar un paso adiante e deixar de branquear a esta persoa”, ao que engadiu que “é o momento de que fagan públicos os pactos que asinaron e que remataron con Carmela López de presidenta e Efrén Castro de vicepresidente, algo para o que foi imprescindible o voto favorable de José Tomé, así como a súa tutela diaria”.
“Está claro que segue a ser o presidente na sombra, que segue a ser el o que toma as decisións e o que segue a gobernar a Deputación dende atrás”, denunciou.
Neste senso, Ameijide esixe a Carmela López que deixe de poñer todos os medios provinciais ao servizo do ex presidente, “algo que se puido ver recentemente en Fitur, onde tivo persoal da Deputación baixo a súa atención e dirección, así como na propia institución mantén privilexios, dende un acceso diferente aos plenos e a situación no mesmo”.
Ademais, Ameijide pide reflexión a socialistas e nacionalistas: “O PSOE debe de retirar de inmediato o apoio que lle mantén en Monforte para seguir na alcaldía co solo máximo permitido por lei, mentres que o caso do BNG é máis preocupante aínda, xa que venderon o feminismo que din defender a cambio dunha vicepresidencia e dúas áreas de goberno”.
“Queda claro que nin a Carmela López, nin ao PSOE e ao BNG lles importan as vítimas e o feminismo, o único que lles importa é manter os cargos, os sillóns e os coches oficiais”, sentenciou.