O PP anuncia unha serie de actividades para reclamar a apertura do auditorio de Magoi
O Partido Popular de Lugo anuncia que fará unha serie de actividades coas que pretende “convencer ao goberno local bipartito para a apertura do Auditorio de Magoi” atendendo a “unha reivindicación social e cultural” e unha vez finalizadas as obras de reparación das patoloxías do edificio despois de máis de 4 anos e 2 meses dende que o bipartito dispón das chaves desta infraestrutura que mantivo pechada todo este tempo deteriorándose co paso dos días sen uso.
"En pasados días escoitábamos a través dos medios de comunicación que os xestores culturais advertían que o auditorio non estaba posto a punto para a súa apertura, información que o goberno local non desmentiu. Antes contaban mentiras e daban escusas e agora xa nin escusas poñen”, subliñan.
Os concelleiros do PP esixen información clara e que “o bipartito desbloquee a situación para poñer en marcha estas instalacións ofrecendo o servizo, que xa se debería estar prestando en Lugo dende fai moito tempo, en óptimas condicións”.
Os populares consideran polo tanto “inaceptable” que o Auditorio de Magoi no que a Xunta investiu máis de 20 millóns de euros continúe pechado polo goberno municipal “despois de moitos anuncios, escusas e contradicións”.
Por outra banda, dende o Grupo Municipal Popular condenan a “pasividade do bipartito que impide aos lucenses e artistas -que recentemente tamén impulsaron unha campaña reivindicando a súa apertura- dispoñer desta infraestrutura cultural na cidade de Lugo".
Os concelleiros do PP lembran que “pasaron máis de 4 anos dende que a actual alcaldesa, Paula Alvarellos, firmase a formalización da acta de recepción do Auditorio de Magoi, pero nada se sabe da data de apertura nin se o bipartito prevé unha xestión pública ou non, á vista do carácter privatizador no que están inmersos”.
O Grupo Municipal Popular anunciaba recentemente que levará unha nova iniciativa ao pleno do Concello para solicitar a apertura do novo centro cultural - auditorio da Cidade de Lugo.