O PP aposta por continuar desenvolvendo o Plan Paradai
A portavoz do Partido Popular, Elena Candia, entregou ao delegado da Xunta, Javier Arias, unha copia da acta da comisión de contas de outubro, onde o goberno local, en resposta a unha pregunta do PP, aseguraba que non era necesario modificar o PXOM para continuar coas obras de reurbanización entre as glorietas de Serra de Meira e Carlos Azcárraga, adscritas ao Plan Paradai.
Pola súa parte, Arias explicou que a Consellería de Vivenda e Infraestruturas enviou o pasado 1 de outubro unha carta ao Concello de Lugo solicitando unha aclaración sobre este tema, pero, case catro meses despois, PSOE e BNG aínda non responderon.
"Para o avance das obras do Plan Paradai era imprescindible ampliar a rúa Serra de Meira, unha actuación destinada a reducir o risco de inundacións e financiada pola Confederación Hidrográfica", explican os populares. Este proxecto contou cun convenio que estivo prorrogándose durante tres anos sen execución efectiva ata o ano pasado.
Agora que a ampliación está próxima a finalizar, a Xunta está en disposición de retomar o proxecto, pois os orzamentos necesarios están dispoñibles. A portavoz popular lamenta o atraso na resposta á carta enviada pola Xunta, un paso esencial para continuar co desenvolvemento do Plan Paradai.