O PP apreza unha crise de goberno en Castroverde
O Partido Popular de Castroverde alerta dunha posible crise de goberno neste Concello ao faltar ao pleno 6 dos 9 concelleiros que ten o Partido Socialista neste municipio. O voceiro dos populars, Rubén Otero, ve nisto unha "situación inaudita, que pode ser o síntoma claro dun distanciamento entre os membros do grupo socialista”.
Para o popular non pode haber outra razón porque "en ningún momento por parte da alcaldía se notificou a falta de asistencia dos edís, nin tampouco os motivos polos que non acudiron á sesión plenaria".
Otero ve nesta situación "a primeira mostra pública do desencontro interno que se vive no goberno de Castroverde” e considera que o rexedor "debe de dar as explicacións oportunas de tal despropósito e falta de rigor“.
“Os plenos están deseñados para que todas as forzas fagamos propostas para o ben dos veciños, polo que é a nosa obriga asistir e, no caso de que non se poida, xustificar o motivo. Neste caso, estamos ante un número considerable de faltas de aí que, como non hai motivo aparente, nos leve a concluír a falta de entendemento interno do equipo de goberno”, engade.
Rubén Otero agarda que os concelleiros ausentes non cobren a dieta correspondente e que o correspondente importe "sexa destinado a gastos que repercutan en servizos e dotacións para os veciños de Castroverde".