O PP apunta a irregularidades no Lugo Máxico e o BNG anuncia emprender accións legais

A polémica entre o Partido Popular de Lugo e o goberno local, formado por BNG e PSOE, subiu de ton nas últimas horas a raíz dunha nova acusación da portavoz popular, Elena Candia, relacionada cunha factura do programa cultural Lugo Máxico. Desde a Tenencia de Alcaldía, que dirixe o nacionalista Rubén Arroxo, anuncian que estudarán emprender accións legais ante o que consideran “ataques reiterados” da oposición.
Segundo explicou a área de Mobilidade e Infraestruturas, a factura obxecto da controversia, por un importe de 1.149,50 euros, correspondía á actuación do mago Kiko Pastur na gala final do Lugo Máxico, que finalmente foi cancelada por un problema técnico no auditorio municipal. Por erro, a actividade anulada foi incluída no listado definitivo de actividades para tramitar o expediente, pero os servizos de control económico detectaron a anomalía e paralizaron o pago seguindo o procedemento establecido. A Tenencia de Alcaldía lembra que a sinatura do decreto correspondía á persoa que ocupaba a Alcaldía nese momento e que “o trámite realizouse correctamente”.
Rubén Arroxo respondeu con contundencia ás declaracións de Candia, asegurando que “volta a alimentar bulos co obxectivo de crear crispación” e advertiu que “non o imos consentir máis”. O tenente alcalde anunciou que estuda “as posibles accións legais por calumnias reiteradas contra a miña persoa, porque xa está ben, non lle imos permitir que siga mentindo e crispando Lugo”.
CONTEXTO
O Partido Popular emitiu un comunicado no que afirma que o alcalde Miguel Fernández asinou un decreto relacionado coa citada factura e que posteriormente “rectificou ao seu socio nacionalista” ao declarar que a actividade non se realizara e que, polo tanto, “non cumpre os requisitos para a súa tramitación e pago”.
Os populares acusan a Fernández de dar “un cheque en branco a Arroxo para asinar facturas con reparos” e aseguran que esta situación “supón unha estafa aos lucenses e evidencia que o seu pacto só serve para impedir que goberne o PP”.
Desde a Alcaldía, Miguel Fernández respondeu cualificando de “actitude teatralizada” o comportamento da líder da oposición, á que acusou de practicar “unha forma de facer política baseada na sospeita, no ruído e en métodos rancios propios doutras épocas”. O rexedor socialista sostivo que as acusacións son “gravísimas e totalmente falsas” e defendeu o traballo “intachable” dos técnicos municipais. Fernández expresou tamén “o seu apoio total ao tenente alcalde Rubén Arroxo e á súa decisión de estudar medidas legais ante as calumnias vertidas”.