O PP asegura a atención sanitaria aos veciños de Doiras tras o peche do centro de saúde
“A atención sanitaria aos veciños de Doiras está asegurada”. Así o explican dende o PP de Cervantes que recordan que haberá un facultativo e unha enfermeira no centro de saúde de San Román, polo que estes 238 veciños teñen garantida a asistencia sanitaria. Dende o PP de Cervantes aproveitan para destacar o esforzo da Xunta para garantir a mellor atención sanitaria a todos os galegos “a pesar das grandes dificultades para atopar profesionais”, unha situación que “se repite en toda España”.
Neste senso, os populares recordan que “o Ministerio de Sanidade ten toda a responsabilidade por non adoptar as medidas que lle levan tempo reclamando 13 comunidades autónomas de diferentes signos políticos”. Destacan dende o PP de Cervantes que “a Xunta é consciente do problema da falta de profesionais e por iso oferta o 100% das prazas que lle acredita o Ministerio de Sanidade”.
“É certo que nos parecen poucas e por iso o Partido Popular e a Xunta de Galicia levan tempo pedindo ao Ministerio que acredite máis prazas para as especialidades nas que hai carencia de profesionais, flexibilizando os requisitos de acreditación de unidades docentes”, sinalaron. Mentres non se produce esta situación por parte do Ministerio de Sanidade, dende a Xunta puxeron en marcha unha medida pioneira en todo o Estado, que xa permitiu ofertar 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria no 2022 e 72 máis no 2023.
Recentemente veñen de adxudicarse xa 64 prazas da última OPE para prazas de difícil cobertura, mellorando a atención a moitos galegos. “Mentres a Xunta propoñía solucións, o BNG e o PSdeG votaron en contra desta proposta”, recordaron.