O PP asegura que Lugo perde o 45 % da auga do seu abastecemento

LugoXa
Dende o Concello afirman que os populares “distorsionan os datos facilitados nas comisións de pleno co obxectivo de desacreditar a xestión municipal"
suministro-auga
Imaxe de arquivo
6 Xuño 2024

O PP alerta da perda do 45 % da auga do abastecemento de Lugo pola “xestión ineficaz” do Goberno local. Así o aseguran apoiándose nos datos facilitados polo Concelllo na comisión de transición ecolóxica a preguntas formuladas polo Grupo Municipal. “Dado que descoñecemos o paradoiro da metade da auga que se potabiliza consideramos imprescindible e urxente actuar para reverter a situación cun control das fugas; cun servizo de reparación que funcione 7 días á semana 24 horas e cun sistema dixital dos contadores para reducir o malgasto auga”.

Os populares afirman que esta situación “é consecuencia da falta de control e xestión eficiente da auga potable, da ineficacia na reparación de fugas e de que desaproveitan oportunidades de financiamento para mellorar o sistema de distribución da auga”. Durante o ano 2023 tratáronse na ETAP 9.8 M de m3 de auga, que vai directamente á rede de abastecemento municipal para consumo, e tamén se informa que desa cantidade utilízase para baldeos 24.406,47 m3.

Outro dato que aportan é que no primeiro trimestre de 2024 houbo un consumo de 1.339.000 litros “en relación aos usuarios dados de alta na subministración de auga potable” polo que facendo unha estimación anual os datos de consumos, baldeos, xardíns e edificios municipais ascende a 5.359.544 m3. Para os populares o feito de que o 45% da auga que se trata se perda é alarmante tendo en conta que a media habitual de malgasto de auga nas cidades españolas é dun 15 %.

O Concello asegura que distorsionan os datos

Dende o Concello aseguran que “como vén sendo habitual ao longo deste mandato”, o Grupo municipal Popular “distorsiona os datos facilitados nas comisións de pleno co obxectivo de desacreditar a xestión municipal e xerar alarma social”. Aseguran que en ningún caso o dato facilitado polos populares se corresponde co dato real por fugas ou consumos ocultos, “xa que na porcentaxe sinalada non se inclúen outros usos polos que o PP non preguntou nesa comisión, ben de forma intencionada ou ben por descoñecemento”.

O groso da porcentaxe non contabilizada corresponde ao consumo correspondente de todos os edificios municipais, incluíndo entre eles a todos os centros de educación primaria e infantil, as instalacións deportivas, os edificios administrativos e os equipamentos de carácter social e veciñal. Tamén ao baldeo de rúas, onde o dato facilitado polo PP non se adecúa á realidade, e á rega de parques e xardíns. Polo que en ningún caso esa porcentaxe sitúase no 45 %.

En España contabilizouse que a auga non rexistrada alcanza unha media do 20 % da total da auga dispoñible nas cidades, polo que esta non é unha realidade que afecte de forma exclusiva a Lugo. Este desfasamento débese a falta de desenvolvemento tecnolóxico xa que os contadores analóxicos acumulan un déficit de cuantificación que aumenta progresivamente cos anos de uso.

Con obxectivo de alcanzar un maior aproveitamento dos recursos hídricos, o Concello de Lugo solicitou financiamento europeo pendente de adxudicar para, entre outras medidas, substituír os contadores actuais, por outros telemáticos máis rigorosos na lectura. O Goberno local contempla un total de 12 actuacións, dentro do Proxecto Aquavanza para abordar este asunto cuxa investimento total ascende 8,8 millóns de euros de fondos aínda sen asignar.

Pola súa banda, o PP solicita un maior control por parte do concello para o que propón un Plan exhaustivo de control de fugas; reforzar a brigada de augas xa que cun aumento de persoal e recursos se afrontan de forma máis eficaz as incidencias e ofrecer un servizo de reparación de fugas 7 días á semana 24 horas garantindo unha dispoñibilidade constante fronte a avarías. Ademais, piden a modernización e dixitalización para detectar e reducir as perdas de auga nos sistemas de distribución e contadores dixitais e sensores que permitan un control máis rigoroso e partidas económicas para mellorar as infraestruturas hídricas.

0.19363808631897