O PP califica de "nefasto" o estado da rede viaria provincial e pon de relevo as reclamacións por danos nos vehículos

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, confirma que nas últimas semanas resolvéronse tres novas reclamacións que ocasionaron danos en varios coches.
"O estado da rede viaria provincial é nefasto en 66 dos 67 concellos da provincia xa que José Tomé unicamente coida as carreteras provinciais que pasan polo seu concello, unha evidencia que se certifica en que PSOE e BNG seguen a resolver reclamacións por responsabilidade patrimonial polos danos ocasionados a vehículos nas vías da Deputación", explica.
Unha delas foi por un accidente na LU-P-1701, no punto quilométrico 0,2, cando un vehículo sufriu danos ao pasar por unha fochanca o pasado 5 de marzo.
Outra das reclamacións foi na LU-P-0102, no punto quilométrico 0,4, cando un vehículo sufriu danos materiais a consecuencia do mal estado da calzada, ao exceder fochancas que se atopaban presentes na calzada. Un accidente que tivo lugar o pasado 19 de outubro de 2024.
O pasado 6 de xaneiro de 2024, no cinto comarcal LU-P-1611, no punto quilométrico 117,882, un veciño da provincia sufriu danos no pneumático dereito dianteiro e na lamia ao meter esa roda nunha fochanca. Neste punto hai fochancas en ambos sentidos, polo que é imposible non circular sobre elas.
Estas novas reclamacións resoltas “son a consecuencia dunha total falta de mantemento de PSOE e BNG durante os últimos 18 anos”.
Antonio Ameijide sinala que “todos os días hai que lamentar accidentes na rede de estradas da Deputación de Lugo porque tanto socialistas como nacionalistas se desentenderon do coidado das vías de titularidade provincial”.
O voceiro popular afirma que “todas estas reclamacións seguen a darnos a razón e a amosar como PSOE e BNG se afanan en mentir ao negar esta realidade, que a rede viaria provincial é perigosa”. “Queda claro que non serven de nada os plans anunciados por José Tomé xa que cómpre recordar que non se actuou na rede viaria provincial en 66 dos 67 concellos durante moitos anos e que estes anuncios só contemplan traballar no 9% dos 4.217 quilómetros das estradas da Deputación”, denunciou.