O PP celebra a ampliación do prazo para o cambio de contadores da auga

LugoXa
A nova normativa amplía de cinco a sete anos o período legal e outorga ao Concello máis tempo para planificar e implantar contadores dixitais
Silvia-Colmenero-PP-Lugo
7 Oct 2025

O Partido Popular de Lugo valorou como unha boa noticia a ampliación do prazo legal para o cambio dos contadores de auga, que pasa de cinco a sete anos segundo a nova redacción da Orde ICT/155/2020, publicada no Boletín Oficial do Estado o pasado venres. A formación considera que esta modificación era necesaria para evitar que o Concello incumprise a normativa estatal de control metrolóxico, xa que o proceso non avanzara durante o actual mandato.

A concelleira popular, Silvia Colmenero, explicou que “Lugo ía chegar tarde pola falta de traballo e de planificación do goberno local”, e destacou que esta ampliación supón “unha nova oportunidade para mellorar o ciclo da auga e modernizar o sistema”.

Desde o PP lembran que o cambio de contadores non debe limitarse a substituír os dispositivos antigos, senón que representa unha ocasión para apostar por contadores dixitais, que faciliten unha lectura máis eficiente e unha xestión responsable dos recursos hídricos.

“Pedímoslle ao goberno que non volva deixar pasar o tempo. Agora teñen dous anos máis para facelo ben: deben modificar a ordenanza fiscal, definir o modelo tecnolóxico e buscar financiamento para garantir un sistema moderno e transparente”, subliñou Colmenero.

Os populares recordan que xa reclamaran nun pleno extraordinario claridade e planificación respecto a este asunto. Agora, coa ampliación do prazo, o Concello dispón de tempo suficiente para actuar con sentido común e visión de futuro. “Non se trata só de cumprir unha norma; trátase de mellorar o servizo, evitar sancións e avanzar cara a unha cidade máis eficiente”, concluíron.

REACCIÓN DO PSOE

O Grupo Municipal Socialista de Lugo acusou ao Partido Popular de xerar alarma e polémica respecto aos contadores de auga, despois de que o Goberno central atrasase ata outubro de 2027 o cambio obrigatorio dos contadores con máis de 12 anos de antigüidade.

A concelleira socialista, Ana González Abelleira, sinalou que “o Goberno local leva meses traballando neste tema con prudencia, porque non había medidas fixas nin anuncios de multas. Pola contra, o grupo do PP comezou a crear alarmismo e a facer un uso político e partidista desta cuestión”.

González Abelleira criticou ademais que a voceira popular “se erixa como artífice do cambio da normativa estatal, algo preocupante e delirante que responde ao seu afán de protagonismo”. Engadiu que, mentres se falaba de sancións que non existían, o PP provocou gastos innecesarios ao convocar un pleno extraordinario dous días antes do ordinario.

Segundo a voceira socialista, “o Goberno local mantívose na folla de ruta fixada desde un principio, informando á cidadanía de que só era necesario substituír os contadores que non funcionaban correctamente por outros analóxicos, válidos durante doce anos, máis cinco anos de prórroga se pasan as revisións”.

Ana González Abelleira rematou sinalando que o seu grupo seguirá a mesma folla de ruta do Goberno local, centrando os esforzos en comunicar certezas á cidadanía e preparar, a futuro, o cambio dos contadores de auga sen provocar alarma innecesaria.

⚙ Configurar cookies
0.098742961883545