O PP celebrou actos en Portomarín, Becerreá e Fonsagrada

LugoXa
O PP celebrou actos de campaña en Portomarín, Becerreá e Fonsagrada na xornada de onte arroupados por conselleiros de deputados
mitin pp portomarin
18 Maio 2023

O vicepresidente do PP de Lugo e conselleiro de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego, Francisco Conde, participou onte en senllos mitins dos candidatos populares en Becerreá e Portomarín -José Fernández Carrete e Pablo Rivas, respectivamente- nos que tamén interveu o coordinador xeral dos populares lucenses, José Manuel Balseiro. O secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, participou no mitin de Becerreá e Juan Serrano en Portomarín.

Carrete amouse convencido de que “Becerreá necesita un cambio” e para iso presenta un proxecto que “vai máis alá dos vindeiros catro anos baseado na dinamización económica e na creación de servizos que son os dous piares que ofrecen viabilidade de futuro”. Engadiu que “poñeremos no centro das nosas políticas aos cidadáns e as súas demandas”. Así, “apostaremos pola apertura da residencia da terceira idade, a recuperación do GES e o impulso da segunda fase do polígono industrial”.

O candidato do PP á alcaldía convida aos veciños a “non caer na resignación; senón a loitar entre todos con optimismo e ilusión polo noso futuro para sacar a Becerreá da situación na que se atopa”. De feito, o popular cre nas potencialidades do municipio e, sobre todo, defende que “o mellor que ten Becerreá é a súa xente”.

Polo seu lado, vicepresidente do Partido Popular na provincia de Lugo, Francisco Conde, defendeu que José Fernández Carrete conta cun proxecto en positivo para Becerreá, enfocado a que os veciños e veciñas do concello vexan que no rural galego hai oportunidades de futuro. Neste sentido, o tamén vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia indicou que é preciso que nesas novas oportunidades xogue un papel destacado o sector primario, que é a base da economía galega, é industria e é Galicia Calidade. Novas oportunidades que deben estenderse á industria e ao emprendemento, captando novos instrumentos a través dunha maior axilidade administrativa e a redución das trabas fiscais e burocráticas.

O secretario xeral do PPdeG, Javier Vázquez Nodal, fixo fincapé en que “Carrete e o seu equipo están percorrendo todas as parroquias e as sensacións son moi boas. Percíbese ilusión, entusiasmo, os veciños e veciñas de Becerreá teñen ganas de cambio”.

RIVAS APOSTA POR SEGUIR TRABALLANDO NA PROMOCIÓN TURÍSTICA E O APOIO AO RURAL

O aspirante popular a repetir na alcaldía de Portomarín, Pablo Rivas sinalou: “Estes anos, primeiro como tenente de alcalde e despois como alcalde foron para min unha boa experiencia e gustaríame seguir; teño proxecto de futuro para Portomarín e seguirei na mesma liña destes anos”.

Rivas manifestou: “Á vista está o cambio que experimentou Portomarín nestes anos, en todos os aspectos, pero sinaladamente en canto ao turismo e no apoio ao rural”. A pretensión de Pablo Rivas é “seguir traballando nos programas de servizos sociais e de conciliación familiar, que son un dos selos de identidade dos gobernos do PP en Portomarín”. Un obxectivo destacado de Rivas é “fixar poboación, para o que queremos apoiar aos mozos e mozas para conseguir vivenda”.

Francisco Conde asegurou que o programa de Pablo Rivas para Portomarín demostra que é posible facer un proxecto de vida e de negocio no rural. Nesta liña, destacou que “o futuro deste concello pasa polo turismo, a industria e o emprendemento, así como por un sector primario puxante”. Por iso, é necesario seguir ofrecendo a empresas e autónomos axilidade administrativa, un clima favorable para o investimento que inclúa medidas coma bonificacións fiscais.

En Portomarín, Balseiro manifestou: “Este concello experimentou unha profunda transformación en positivo nos últimos anos como froito da xestión do PP. Este concello tivo un gran alcalde e ten agora outro gran alcalde, que é Pablo. Con el, Portomarín seguirá gañando servizos e manterá o esplendor que tivo estes anos”.

No mitin participou tamén o ex alcalde e actual director da Casa de Galicia en Madrid, Juan Serrano, sinalou: “Só hai un goberno posible para que Portomarín teña futuro: o do PP. Os que queren un pobo de futuro, teñen que votar PP; os que non queiran iso, que voten ao PSOE, e os que non saben o que queren votarán aos independentes”. Serrano ironizou sobre a importancia para Portomarín das visitas do socialista José Ramón Gómez Besteiro e lembrou o abandono ao que someteu a Portomarín mentres foi presidente da Deputación. Puxo como exemplo da xestión socialista a longa e inacabada peripecia para a construción da residencia, que sigue sen construír. Citou tamén o estado das estradas e destacou que mentres as da Xunta están en moi bo estado, as nacionais, como son a Lugo-Ourense ou a N-VI, están desfeitas, o mesmo que ocorre con moitas da Deputación. Puxo de relevo a importancia dos resultados electorais no partido xudicial de Chantada de cara a que o PP chegue á presidencia da Deputación. “Vexo cada día máis cerca poder gañar por 2-0”, sinalou.

FONSAGRADA

O responsable de Facenda e Administración Pública do Goberno galego arroupou ao candidato do PP á Alcaldía da Fonsagrada, Bernardo Niño, nunha visita ao municipio.

mitin pp becerrea
Miguel Corgos e Bernardo Nino na Fonsagrada pp
0.23476696014404