O PP critica a Deputación de Lugo por atrasar o proxecto de ampliación do Pazo dos Deportes

O goberno provincial da Deputación de Lugo deu os primeiros pasos para a ampliación do Pazo dos Deportes, compromiso adquirido hai máis dun ano, en outubro de 2024, nunha reunión coas distintas administracións e o CB Breogán, na que todas as partes amosaran a súa disposición a colaborar.
O Partido Popular de Lugo denunciou que o executivo provincial tardou máis dun ano en iniciar o procedemento e que agora establece un novo prazo de doce meses para a elaboración do estudo previo, o que suporía que pasasen máis de dous anos antes de saber se a intervención é viable. Ademais, advertiron de que posteriormente habería que sumar o tempo necesario para redactar o proxecto, licitar a obra e executar os traballos.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, cualificou este atraso como “a proba de que PSOE e BNG non teñen intención real de acometer esta importante obra durante o actual mandato, senón que só buscan relato e foto de cara á próxima campaña municipal”.
O popular asegurou que “chama poderosamente a atención que tardasen máis dun ano en tramitar un contrato menor cando no último trimestre do ano pasado tramitaron ata 124 contratos”. Segundo engadiu, isto demostra que “se o Partido Popular non se interesa polos proxectos paralizados, o goberno de PSOE e BNG non se move”, e neste caso “non lles quedou máis remedio que reaccionar”.
Dende o PP piden “celeridade” para que o estudo da ampliación se realice canto antes, pois, segundo advertiron, “os lucenses teremos que agardar un ano máis para saber se é viable ou non”. Despois, engadiu Ameijide, “aínda habería que agardar á redacción do proxecto, á licitación e á execución das obras. Pola desidia da Deputación perdéronse xa uns 25 meses e, no mellor dos casos, aínda faltan anos para ver a ampliación”.
VICEPRESIDENCIA
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo emitiu un comunicado no que acusa o Partido Popular de mentir deliberadamente sobre o contrato destinado a analizar a viabilidade da ampliación da capacidade do Pazo dos Deportes de Lugo. Segundo o organismo provincial, os trámites comezaron o 10 de outubro e a adxudicación realizouse o 3 de novembro, polo que o procedemento é anterior á visita que o PP realizou ás instalacións o pasado 7 de novembro.
Desde a Vicepresidencia explican que a contratación deste estudo responde a un compromiso adquirido co Club Baloncesto Breogán, entidade que está a ser informada en todo momento sobre o avance do proceso. “O estudo da capacidade do Pazo forma parte da nosa colaboración constante co Breogán e co deporte lucense. Non é unha reacción política nin unha resposta improvisada, senón un compromiso real e planificado”, subliñan.
O organismo provincial lembra ademais que xa desmentira publicamente as acusacións do PP o pasado 8 de novembro, a través dunha nota na que se precisaba que “o estudo sobre a capacidade do Pazo está contratado”, e que o proceso administrativo se desenvolveu con total transparencia e conforme á normativa.
A Vicepresidencia da Deputación insiste en que o Partido Popular mantén unha actitude de confrontación constante, difundindo informacións falsas “de maneira reiterada e deliberada” sobre as actuacións de mellora e modernización que se veñen realizando no Pazo dos Deportes nos últimos anos. “Trátase dunha estratexia política que busca confundir á cidadanía e utilizar ao Breogán e á súa afección como arma partidista”, sinalan desde o departamento.
O comunicado conclúe reafirmando o compromiso da Deputación coa modernización das infraestruturas deportivas da provincia e co apoio decidido ao deporte profesional e de base. “Seguiremos traballando pola mellora do Pazo e polo crecemento do Breogán, con feitos e non con palabras”, remarcan desde a Vicepresidencia.