O PP denuncia a licitación do novo contrato do Vello Cárcere por risco económico e precarización laboral

O debate sobre a xestión do Vello Cárcere de Lugo reavivouse tras a aprobación o 16 de xullo de 2025 en Xunta de Goberno Local do novo prego de condicións para o servizo de xestión, mediación cultural e atención ao público. O contrato, cun custo de preto de tres millóns de euros e unha duración plurianual, motivou críticas do Partido Popular, que advertiu de que pon en perigo a sostibilidade financeira do Concello.
Segundo o PP, existen informes de intervención municipal que cuestionan a viabilidade da contratación. Un primeiro documento, datado o 23 de maio, sinala deficiencias na definición de criterios de valoración, mentres que outro, emitido o 7 de xullo, alerta de que non se xustifica a repercusión do contrato na estabilidade orzamentaria.
Os populares destacan que o novo prezo, de 560.541,18 euros anuais, supón un incremento do 71% respecto ao anterior contrato con Alenti Soluciones para Eventos S.L. e advirten de que esta subida compromete a capacidade financeira da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.
Ademais, os populares sumaron as críticas dos sindicatos, que denuncian condicións laborais peores que no contrato anterior. Argumentan que se incrementan as horas de servizo reducindo o prezo por hora, que non se garante a subrogación do persoal e que determinadas prazas, como a de recepción, non teñen unha cobertura realista para vacacións ou baixas.
Para o PP, esta licitación responde a un modelo privatizador que non comparte, e reivindican a xestión directa municipal do Vello Cárcere como unha vía para optimizar recursos e garantir contidos culturais de calidade.
Pola súa banda, desde a área de Cultura defenden a legalidade e necesidade do contrato. O departamento asegura que o aumento do investimento responde á mellora das condicións laborais, coa actualización salarial segundo o IV Convenio Autonómico de Eventos, Servizos e Produccións Culturais, a cobertura de vacacións e a inclusión de porcentaxes de absentismo, gastos xerais e beneficio industrial que antes non se contemplaban axeitadamente. Tamén subliñan que a subrogación do persoal está garantida pola lei e polo propio prego.
A concelleira Maite Ferreiro criticou con dureza ao Partido Popular, ao que acusou de “mentir e manipular”. A edil lembrou que a xestión directa sería desexable, pero que a posibilidade está limitada polas restricións impostas polos gobernos do PP no pasado: “Gustaríanos contar con persoal municipal para xestionar o Vello Cárcere, pero foi o Partido Popular quen impediu aumentar a taxa de reposición coas medidas do ministro Montoro”, apuntou.