O PP critica a proposta do BNG dun aparcadoiro na rúa Primavera en Fontiñas

LugoXa
Ramón Cabarcos acusa á formación nacionalista de improvisación e propón unha alternativa máis rápida e viable en superficie
Parcela-Aparcadoiro-Rúa-Primavera-Lugo
19 Nov 2025

O concelleiro do Grupo Municipal do PP, Ramón Cabarcos, criticou a iniciativa do BNG de construír un aparcadoiro de dúas plantas no solar da rúa Primavera, en Fontiñas, cualificándoa de “exemplo de improvisación e falta de xestión urbanística”.

Segundo explicou, parte dos terreos onde se pretende intervir son municipais e levan anos abandonados, cheos de maleza, roedores e nun estado de insalubridade, mentres os veciños da contorna xa empregan o espazo como aparcadoiro.

A proposta do BNG contempla 100 prazas e solicita financiamento á Xunta, deixando “de forma inxustificable” a responsabilidade fóra do ámbito municipal. Ademais, Cabarcos subliñou que a iniciativa se introduce como enmenda aos orzamentos da Xunta e xustifica unha solución lenta, cando a necesidade de aparcadoiro na zona é inmediata.

En contraste, o PP propón crear arredor de 70 prazas en superficie mediante xestión urbanística, que consistiría en asinar un convenio coa propiedade da parcela, que é privada, e acondicionar a zona. Esta alternativa xa formaba parte da rede de aparcadoiros que o PP ten planificada para todos os barrios de Lugo, e o caso concreto da rúa Primavera foi levado ao Pleno anos atrás como exemplo de planificación e coherencia, aínda que a proposta de 2023 foi rexeitada por BNG e PSOE.

Cabarcos insistiu en que “Lugo segue tendo necesidades reais de aparcamento, consecuencia dunha política de mobilidade deficiente da que o BNG é responsable. Mentres bloquean actuacións da Xunta, como a apertura do aparcadoiro da rúa Breogán, o PP aposta por proxectos viables, rápidos e eficaces que solucionen a demanda de prazas para aparcar”.

⚙ Configurar cookies
0.090640068054199