O PP critica atrasos no Pazo dos Deportes e a Deputación négao

O portavoz do Grupo Popular na Deputación de Lugo, Antonio Ameijide, reclamou ao goberno provincial “cumprir cos lucenses e co Pazo dos Deportes” tras visitar as instalacións e comprobar o avance das obras na cuberta. Segundo indicou, os traballos tiñan que estar rematados en agosto, pero a finais de setembro aínda queda preto da metade pendente, cun nivel de certificación e pagos “moi por debaixo do investimento anunciado”.
Ameijide denunciou que o incumprimento dos prazos está a prexudicar os adestramentos de clubs como o CB Breogán e o Ensino CB, e advertiu de que, polo ritmo actual, é improbable que a obra estea lista para o primeiro partido oficial do Breogán como local, previsto para o 12 de outubro. Ademais, lembrou que continúan pendentes compromisos como a instalación dun novo marcador ou a auditoría para ampliar o aforo en medio millar de prazas, situación que afecta á venda de abonos. O popular incidiu tamén en que persisten problemas como filtracións de auga por choiva e condensación.
Ante estas críticas, o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, acusou ao PP de “mentir e difamar” utilizando ao CB Breogán e á súa afección con fins políticos. Asegurou que “non hai ningunha dúbida sobre a celebración dos partidos de principios de tempada” e que as declaracións de Ameijide son “unha mentira a todas luces”.
Castro explicou que as obras, adxudicadas a dúas empresas cun prazo inicial de catro meses desde abril, contan con prórrogas habilitadas para concluír a impermeabilización dos 8.500 metros cadrados de cuberta e mellorar a evacuación da auga con actuacións en canlóns e baixantes. Subliñou que as demoras, atribuíbles ás empresas, “non afectarán en ningún caso ao desenvolvemento dos encontros”.