O PP critica o silencio do goberno sobre a apertura do Auditorio de Magoi
O voceiro do Grupo Popular Ramón Carballo lamenta a “irresponsabilidade do bigoberno porque segue deixando pasar o tempo sen ser capaz de poñer os medios para abrir o novo auditorio de Magoi”. O Concello de Lugo recibiu hai un ano e nove meses o edificio e, segundo afirman dende o PP, “o único que fixo foi poñer pegas para evitar a súa posta en funcionamento. Sempre hai escusas, e ninguén aclara porque imos camiño de dous anos, e segue en punto morto todo o que rodea a xestión deste magnífico espazo cultural da cidade”.
A día de hoxe non existe nin prazo para o comenzo das obras que anunciaron, nin cando se vai a abrir ao público, nin que tipo de xestión terá, nin cal será a súa programación.
O PP aclara que este asunto prexudica a actividade cultural da cidade xa que ”Lugo está renunciando a traer grandes espectáculos porque o espazo escénico que temos na actualidade, o auditorio Gustavo Freire, resulta pouco atractivo para algunhas montaxes que si están actuando noutras cidades galegas”.
Carballo lamenta que dende o PSOE e o BNG se dea a calada por resposta á petición que fixemos por escrito o pasado día 7 de febreiro no que solicitamos “unha reunión coa alcaldesa, Sra. Méndez, e o tenente de alcalde, Sr. Arroxo, para concretar prazos de apertura e programación do auditorio, así como para poñer á súa disposición as case 3000 sinaturas de veciños e veciñas de Lugo que queren a súa apertura inmediata e que foron recollidas por este grupo municipal durante unha semana ”.