O PP critica os atrasos nas obras do Pazo dos Deportes de Lugo

LugoXa
O vicepresidente provincial lembra que o estudo sobre a capacidade do Pazo xa está contratado e critica a estratexia do Partido Popular de “crispar” e usar politicamente a imaxe do Breogán
PP-Pazo-dos-Deportes-Lugo
8 Nov 2025

Os voceiros do Partido Popular no Concello e na Deputación de Lugo, Elena Candia e Antonio Ameijide, denunciaron que os traballos no Pazo dos Deportes, que tiñan un prazo de execución de catro meses, están a piques de cumprir sete sen rematar, o que supón un atraso que “case duplica o compromiso inicial”.

O voceiro provincial, Antonio Ameijide, lembrou que as actuacións comezaron no mes de abril e que o goberno provincial, xestionado polo BNG, prometera que estarían listas en agosto. “Logo pedíronse prórrogas ata setembro, pero xa estamos en novembro e as obras seguen sen concluír. No mellor dos casos, aínda falta un mes”, indicou o deputado popular.

As obras foron adxudicadas en dous lotes cun investimento total de 602.294,76 euros. O primeiro lote, de 411.201,08 euros, ten aínda 180.280,48 pendentes de certificar, mentres que o segundo, de 191.093,68 euros, conserva 132.805,70 sen certificar. En total, 313.086,18 euros permanecen aínda sen xustificar.

Entre os traballos contemplados figuran actuacións de impermeabilización e eliminación de humidades, un problema histórico do Pazo que chegou a afectar a partidos e adestramentos. Ameijide advertiu de que, como aínda non houbo choivas intensas, “non se pode comprobar se a solución é eficaz”, polo que anunciou que o PP preguntará no próximo pleno se existen garantías de que as filtracións están resoltas.

Candia destacou que o Pazo dos Deportes “é un símbolo para a cidade e a provincia” e merece unha xestión “seria, transparente e respectuosa cos prazos e cos compromisos adquiridos”. Os populares avanzaron que no próximo pleno provincial preguntarán polas causas reais dos atrasos, polas garantías técnicas das obras de impermeabilización e polo futuro proxecto de ampliación do recinto.

CONTESTACIÓN DE EFRÉN CASTRO

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, aclarou que o estudo sobre a capacidade do Pazo dos Deportes xa está contratado e puxo en evidencia o que cualificou como “a estratexia do Partido Popular de crear dúbidas e debates falsos en relación co Pazo e crispar o ambiente” para “botar terra sobre o maior investimento realizado nas instalacións deportivas desde a súa construción”.

Castro lembrou que “Antonio Ameijide e o Partido Popular crearon incertezas sobre as condicións do Pazo, chegando mesmo a cuestionar que puidesen disputarse os primeiros encontros”. Nese sentido, criticou que “canto peor fose para os equipos lucenses, mellor para os seus intereses partidistas”.

O vicepresidente provincial afirmou que “como non se cumpriron os seus desexos catastrofistas, agora buscan outra vía de ataque ao goberno provincial, pero fan o ridículo porque o estudo sobre a capacidade do Pazo xa está contratado”. Fíxoo en relación coa nota emitida polo Partido Popular este venres, na que insisten en utilizar politicamente a imaxe do Breogán para o seu relato.

Engadiu que “mentres estiveron no Pazo había responsables técnicos da obra cos que non falaron porque nin sequera comunicaron esa visita. Non teñen ningún interese en coñecer a evolución das obras, o único que queren é crispar”.

Castro sostivo que nas manobras do Partido Popular “hai un claro interese en botar terra sobre os maiores investimentos realizados nas instalacións deportivas provinciais desde a súa construción” e insistiu en que “mentres uns tratan de xerar crispación, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo seguiremos avanzando na modernización e mellora das instalacións”.

Finalmente, instou “a Antonio Ameijide e a Elena Candía, que tanto se preocupa por presentarse como conseguidora da Xunta en Lugo, a que aclaren cal será a aportación do Goberno galego para un novo pavillón, porque, máis aló do Pazo, Lugo necesita instalacións deportivas”.

⚙ Configurar cookies
0.074489116668701