O PP critica os orzamentos de 2025 do Goberno local de Lugo
O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo realizou unha valoración crítica dos orzamentos de 2025 presentados polo goberno local, cualificándoos como “improvisados, sen ambición e afastados das prioridades reais dos lucenses”.
A voceira popular, Elena Candia, desmentiu os calificativos de “ilusionantes” e “realistas” cos que o executivo de PSOE e BNG promocionou as contas públicas, destacando que presentan deficiencias estruturais e estratéxicas.
Entre os principais puntos críticos sinalados polos populares, destacan:
- Orzamentos máis baixos dos últimos sete anos: Cun importe de 9,97 millóns de euros, marcan un retroceso en lugar de avanzar, segundo Candia.
- Previsións optimistas e pouco realistas: Alertouse sobre estimacións pouco fundamentadas, especialmente no ámbito da inspección tributaria, onde os resultados de 2024 xa foron decepcionantes.
- Falta de planificación nos servizos públicos: Denuncian que non existen estudos económicos que avalen melloras reais na calidade dos servizos.
- Incumprimento da regra de gasto: O recurso constante a créditos pon máis presión fiscal sobre os cidadáns e incrementa a débeda futura.
Ademais, Candia criticou o reparto desigual das subvencións nominativas, que, segundo ela, priorizan intereses políticos por riba das necesidades das entidades sociais.
Poñendo como exemplo, sinalou que unha asociación veciñal recibe unha cantidade dez veces maior que entidades como ALUCEM ou a Asociación Galega de Hemofilia, e que, por undécimo ano consecutivo, non se incrementaron as axudas a estes colectivos.
Outros aspectos cuestionados inclúen a falta de avance na rexeneración urbana (como no barrio da Milagrosa), a ausencia dun plan estratéxico para a educación e a cultura, e a insuficiencia de partidas para o patrimonio natural, como o parque Rosalía de Castro.
Candia destacou tamén que algúns proxectos presentados agora foron previamente rexeitados polo goberno local, como o acceso á Fervedoira ou melloras na protectora de animais. “Recoñecen con estes cambios que hai problemas reais, pero a falta de planificación persiste”, sinalou.
Finalmente, a voceira popular lamentou que o orzamento chegase tarde e sen respectar os tempos co Grupo Popular. A pesar diso, afirmou que seguirán traballando de forma construtiva para presentar achegas que melloren estas contas.