O PP critica que “o alcalde non está a desenvolver medidas para afrontar o reto demográfico"
O Partido Popular de Castroverde denuncia que “o alcalde non está a desenvolver medidas para afrontar o reto demográfico: a súa xestión neste sentido é pésima”.
O portavoz popular, Pablo Figueiras, lembra que o municipio perdeu 51 habitantes o ano pasado, atendendo aos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) ao peche do ano 2024.
Así, o popular urxe ao goberno local a impulsar políticas que favorezan o asentamento da poboación. Nese sentido, incide na necesidade de mellorar os servizos municipais, implantar servizos que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral e apoiar á implantación de empresas para xerar emprego porque “a pesar de dispoñer de solo industrial, o polígono permanece baleiro”.
Figueiras incide na “falta de políticas a medio e longo prazo para facer que Castroverde medre” á vista de que “o noso concello se desmarca da tendencia doutros municipios próximos ás grandes cidades ou vilas galegas que están medrando en poboación”.
“Mentres que outros municipios tamén limítrofes co Concello de Lugo como Outeiro de Rei, Friol ou Castro de Rei están incrementando o número de veciños e veciñas, Castroverde descende a pesar de limitar tamén coa principal cidade da provincia”, engade.
O popular cre que “o aumento de poboación nestes concellos non é casualidade, senón froito de políticas municipais efectivas adoptadas en consonancia coas necesidades actuais dos veciños e veciñas: medidas sociais acordes ás diferentes franxas de idade e facilidades á hora de asentarse e emprender unha actividade empresarial”.