O PP critica que "seguen os problemas de filtracións de auga" no Paciño

O portavoz do Partido Popular, Antonio Ameijide, criticou a reforma dos anexos do Pazo, afirmando que, a pesar de investir 320.000 euros, as instalacións seguen presentando os mesmos problemas de antes.
Segundo Ameijide, despois da forte choiva caída esta tarde en Lugo, quedou claro que a reforma realizada recentemente non solucionou os problemas de filtracións de auga.
“Ante a primeira choiva forte, volve a chover dentro do Paciño. É tempo de deixarse de chapuzas e dar solucións reais”, manifestou o portavoz popular, quen asegurou que a reforma non foi efectiva. A pesar da considerable inversión, a choiva volveu entrar nas instalacións, o que pon en risco a seguridade dos nenos e mozas que adestran alí todos os días.
Numerosos pais e nais puxéronse en contacto con Ameijide para expresar a súa preocupación pola situación. “Os rapaces e rapazas que adestran no Paciño cada día non poden facelo con total seguridade, tal e como comprobamos esta mesma tarde”, sinalou o portavoz do PP.
Ameijide esixiu aos responsábeis do PSOE e do BNG que se tomen en serio a situación das instalacións deportivas, especialmente aquelas que acollen a nenos e nenas. Así mesmo, instou a que, se a empresa encargada da reforma segue dentro do período de garantía, se lle esixa que solucione o problema das filtracións. No caso contrario, o portavoz popular pediu que se contraten os traballos necesarios para garantir que o Paciño estea en condicións óptimas de uso.