O PP cualifica de "pacto guarro" o acordo entre BNG e PSOE para dar a Presidencia da Deputación a Carmela López

O PPdeG lamenta que PSOE e BNG vaian consumar o “pacto guarro” cun presunto agresor sexual, José Tomé, cuxo voto é necesario para que a esquerda se manteña no goberno da Deputación de Lugo trala dimisión forzada de Tomé por varias acusacións de acoso sexual.
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, amosou en Lugo o seu rexeitamento a este “branqueo” dun comportamento “indigno” e que vai supor “escribir unha das páxinas máis negras da historia de Lugo coa complicidade de José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón”. Por outra banda, amosou o apoio do PP as vítimas do político socialista.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, fixeron declaracións aos medios na sede dos populares lucenses, onde mantiveron unha reunión na que participaron diferentes representantes, entre eles o portavoz na Deputación, Antonio Ameijide.
A número dous dos populares galegos cualificou de “hipocrisía” o comportamento do PSOE e do BNG, que primeiramente esixiron a José Tomé que deixara de ser tanto deputado provincial como alcalde de Monforte, dúas dimisións que semanas despois seguen sen consumarse. Porén, “despois de pedir o seu cese, consuman ese pacto guarro”.
Neste sentido, criticou a postura do BNG, a quen define como “cómplice” de que na Deputación de Lugo se elixa a unha presidenta co apoio dun presunto acosador sexual. Paula Prado pregúntase con que cara van mirar ás mulleres cando vicepresidan a Deputación co voto de José Tomé e formando goberno coa persoa que encubriu ese presunto acoso, en referencia a Pilar García Porto.
“Estamos ante dous partidos que non respectan os dereitos das mulleres e séntanse con Tomé, vendendo os dereitos das mulleres por medio millón de euros. Ese é o prezo da dignidade das mulleres”, sinalou a número dous dos populares galegos.
Do mesmo xeito, amosouse moi crítica co “aval” de Besteiro e Pontón a ese pacto guarro. “Son cómplices e autorizan esta operación, pola que unha muller vai ser presidenta da Deputación de Lugo co voto dun agresor sexual”, puntualizou sobre os líderes de PSdeG e BNG.
Tamén foi crítica con determinado sector do feminismo galego, preguntándose cantas organizacións se manifestarán diante das portas da Deputación de Lugo. “Vai estar a Marcha Mundial das Mulleres? Vai estar a CIG? Veremos a realidade do feminismo desas mulleres que se manifestan ras rúas pedindo que os agresores sexuais saian das institucións”, manifestou a secretaria xeral do PPdeG ante os medios.
Pola súa banda, a presidenta provincial do PP, Elena Candia, analizou o “comportamento moi criticable e indigno dende a nosa humildade opinión” de PSOE e BNG no caso Tomé e no procedemento para a elección da nova presidenta da institución provincial. “Os lucenses teñen que coñecer quen está á fronte destes dous partidos políticos e o que valen os seus principios. No caso do BNG, 500.000 euros”.
Candia asegura que o PSOE perpetúa a presentación dunha candidata para a que precisa o voto do ex presidente, a quen o secretario xeral do PSdeG lle pediu a acta e lle pediu a súa dimisión.
ANA PONTÓN DEFENDE A CONTINUIDADE DO PACTO POLA DEPUTACIÓN
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saíu en defensa do acordo acadado polos nacionalistas coa formación socialista na Deputación de Lugo para apoiar a candidatura da alcaldesa de Burela, Carmela López, á presidencia do organismo provincial, tras a dimisión de José Tomé motivada polas denuncias de acoso sexual presentadas contra el. Ao mesmo tempo, reprochou ao PP a súa intención de “aproveitar esta situación” para facerse coa Presidencia e de “instrumentalizar ás vítimas da violencia machista”.
En declaracións aos medios este martes durante un acto celebrado en Santiago, Pontón cualificou de “lamentable” a postura adoptada polos populares e lembrou que o BNG mantivo desde o primeiro momento que “unha persoa sobre a que pesan acusacións tan graves non pode continuar exercendo responsabilidades públicas”.
A dirixente nacionalista subliñou que o obxectivo do seu partido é garantir un goberno no que esa persoa “non teña ningún tipo de papel nin responsabilidade”, e instou ao presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, a aclarar se a súa intención era “facerse coa Deputación, na que non ten maioría, apoiándose nunha persoa acusada de agresión sexual”.
Neste contexto, e despois de que o PP cualificase o acordo entre BNG e PSOE como un “pacto da vergoña”, Pontón replicou que o realmente “vergoñento” é a actitude dos populares ao intentar acceder á presidencia da institución provincial e, engadiu, “empregar deste xeito ás vítimas da violencia machista con fins políticos”.