O PP culpa ao Goberno central de bloquear os parques eólicos que subministrarán enerxía a Alcoa
O PP lucense presenta unha batería de preguntas no Senado para esixir explicacións ao Goberno de Pedro Sánchez polo “bloqueo” das autorizacións dos parques eólicos chamados a subministrar enerxía a través de contratos de longa duración a Alcoa San Ciprián, a única empresa de produción de aluminio primario de España, e compensar así a dificultade de acceso a un prezo eléctrico estable e competitivo.
Os populares queren saber se o Goberno é consciente de que pasan os meses e seguen sen autorizarse a execución dos cinco parques eólicos da provincia de Lugo chamados a subministrar enerxía á planta de San Ciprián. Son aqueles que contan cunha declaración de impacto ambiental favorable emitida pola Xunta, pero que se atopan paralizados ao non tramitar o Goberno central a súa autorización, un inconveniente que prometeron solucionar hai meses.
Os senadores inciden en que “o Goberno de Sánchez non cumpriu co que prometeu”, despois de non ser capaz tampouco de autorizar en prazo, en tempo e forma, estas instalacións renovables. Agora vemos como tampouco funcionou a solución habilitada a través do Real Decreto 8/2023, de 27 de decembro, no que se regulaban os dereitos de acceso e conexión á rede das instalación renovables e que o propio Executivo central vendeu como solución.
Os representantes do PP por Lugo na Cámara Alta -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- esixen respostas porque “esta situación pon en risco a continuidade da actividade da factoría e, con ela, de postos de traballo directos e indirectos” toda vez que “o principal obstáculo para a continuidade da actividade da planta é a “dificultade de acceso a un prezo eléctrico estable e competitivo”. Ademais, engaden que “este novo bloqueo” se suma a outras mostras da “falta de vontade do Executivo en apoio desta industria e dos seus traballadores” o que supón xerar novas incertezas ao xa de por si incerto futuro de Alcoa”.