O PP da Fonsagrada acusa ao alcalde, Carlos López, de "levar o Concello á quebra"

LugoXa
Bernardo Niño di que a situación vén derivada da falta de seguimento da lexislación, poñendo como exemplo a falta de previsión para presentar e aprobar en tempo e forma as liquidacións orzamentarias
Bernardo-Niño-PP--A-Fonsagrada-e-Antonio-Ameijide
3 Dec 2024

O Grupo Municipal do PP da Fonsagrada acusa directamente ao alcalde, Carlos López, de "levar o Concello á quebra", unha situación que reflicte o secretario municipal “nun informe demoledor”.

O voceiro municipal, Bernardo Niño, explica que, nese informe, o secretario fai afirmacións moi duras contra o alcalde e o seu equipo de goberno, como: “o infrascrito non se responsabiliza da situación do Concello da Fonsagrada en materia de remisión de información económico-financeira durante o exercicio orzamentario 2023”, ou que “o que subscribe, xa advertiu da falta de medios dos que adoece este órgano interventor, cuestión posta de manifesto no Plan anual de control financeiro para o exercicio 2024”.

Unha situación que vén derivada da falta de seguimento da lexislación, poñendo como exemplo a falta de previsión para presentar e aprobar en tempo e forma as liquidacións orzamentarias. Así, explica o popular que cada liquidación ten que estar aprobada antes do 1 de marzo do ano seguinte, "algo que non se cumpra na Fonsagrada".

Unha situación que provoca a perda de subvencións ou dos obradoiros de emprego xa que “ao non cumprir cos trámites legais non se pode optar a determinadas axudas” o que xa provocou a perda duns 300.000 euros en subvencións. Incluso, o propio secretario alerta de que hai “unha situación preocupante debido a súa falta de previsión orzamentaria”, ademais de “irregularidades administrativas con respecto dos contratos públicos”, o que se traduce en que “os contratos da Fonsagrada presentan irregularidades administrativas”.

Incluso o secretario sentencia a situación dos contratos, afirmando que : “todos os gastos en servizos e subministracións encóntranse contratados verbalmente”.

Para Bernardo Niño “a forma de traballar de Carlos López dista moito do que debe de facer un bo alcalde, xa que fai o que quere sen importarlle que o Concello da Fonsagrada quebre”. Unha situación na que insiste o secretario municipal, que afirma que “sobre os gastos correntes non pode efectuarse estimación algunha, en tanto os datos dos que dispón este órgano interventor son mínimos e limítanse ás facturas que van entrando no rexistro municipal”. O Concello da Fonsagrada está a triplicar o prazo máximo legal para o pago a provedores, aos que debe uns 900.000 euros.

Para regularizar o Concello, Bernardo Niño coincide co secretario municipal en que é necesario “elaborar calendarios de tesourería para evitar a dilación no pago a provedores”, xa que “os que realmente sofren e van a sufrir máis no futuro son os provedores municipais que tardan meses en cobrar os seus subministros e servizos”.

Neste senso, Bernardo Niño esixe ao alcalde adoptar un plan de racionalización do gasto “que de ningún xeito pase por subir os impostos á veciñanza”. Ademais, no informe do secretario reflíctese que “a regra de gasto observa un evidente incumprimento dos seus parámetros básicos”.

Pola súa banda, o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, recorda como propio secretario do Concello da Fonsagrada pediu “ata en tres ocasións” ao alcalde, tamén deputado provincial e con responsabilidades de goberno, “a cooperación por parte da Deputación de Lugo, sen que fixese nada por solicitar dita axuda”.

0.18510293960571