O PP da Fonsagrada acusa ao goberno local de "desatención" a comerciantes e hostaleiros

LugoXa
Os populares solicitan a posta en marcha dunha liña de axudas aos sectores máis afectados, se é preciso con cargo aos fondos do plan único
12 Feb 2021

O PP da Fonsagrada lamenta que o alcalde e o equipo de goberno se "desentendan tan descaradamente" da grave situación económica que están a padecer os comerciantes e hostaleiros do municipio, debido ás restricións adoptadas pola pandemia da covid-19.

Os populares levaron ao último pleno municipal unha proposta -rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno- na que solicitaban ao Concello habilitar axudas específicas para eses sectores, "co fin de axudarlles a paliar as perdas económicas que están a ter". Plantexaban, ademais, que se esa liña de axudas "resultaba imposible" con fondos propios, se fixese con cargo aos fondos do Plan Único da Deputación.  "O resultado foi que nin unha cousa nin a outra. Non entendemos como se pode ter tanta insensibilidade política e institucional, sobre todo porque hai outros Concellos que si o están a aplicar", din. O voceiro popular na Fonsagrada, José Regueiro, refírese nomeadamente, neste senso, aos concellos de Mondoñedo, Friol, Vilalba, Viveiro ou Monforte.

Entre as propostas plantexadas polo PP para reactivar a economía do sector do comercio e a hostalería no municipio, lembra, estarían a activación de axudas directas a empresarios, comerciantes, autónomos e gandeiros; achegas económicas e formación a emprendedores; concesión de axudas directas os veciños para o impulso do comercio local; redución do pago a proveedores do Concello; e investimento nas persoas e familias máis vulnerables e con poucos ingresos.

“O PP propón, o goberno cala e non fai. Esta é a única realidade", di Regueiro, "é unha mágoa detectar que, malia saber que son moitas familias as que está a sentir desesperación pola situación actual, non teñan o apoio da súa administración máis próxima, que é o Concello”.

0.20628690719604