O PP da Fonsagrada propón crear unha plataforma dixital para a venda de produtos locais
O PP da Fonsagrada propón que o Concello cree unha plataforma dixital para a venda online de produtos das empresas locais, co fin de contribuir á "reactivación económica" da zona.
Os populares lembran que, coa suspensión da celebración da Feira do Butelo polas medidas establecidas para facer fronte á covid, "os produtores locais perderon un dos seus escaparates" para a venda deste produto. Por iso, apostan por aproveitar os "cambios nos hábitos de compra" que se están a notar por mor da pandemia "dando pulo ás canles dixitais, que permiten estender as vendas a outros lugares e consumidores máis familiarizados agora coas compras online”, din.
Nese sentido, fan referencia a iniciativas similares promovidas noutros concellos, como é o caso de Friol, e sinalan que tamén na Fonsagrada "temos exemplos de empresas do sector cárnico que lanzaron con éxito unha iniciativa deste tipo".
O PP considera que o Concello "debe aproveitar as novas posibilidades que ofrece a venda online e apoiar, deste xeito, aos negocios locais aos que lles poida interesar poñer á venda os seus produtos nunha plataforma dixital”.