O PP da Fonsagrada contra a proposta de ceder á garda civil o control da circulación
O PP defende que o Concello de A Fonsagrada, presidido polo socialista Carlos López, "pretende agora librarse do control do tráfico na vila polo procedemento de cederlle as competencias á Garda Civil de Tráfico". O portavoz popular, José Luís Regueiro, di que o seu grupo oponse "á cesión de competencias a Tráfico e expón a necesidade de adoptar medidas para mellorar a circulación rodada e peonil na vila e para lograr unha máis pacífica convivencia entre os distintos tráficos".
Regueiro sinala que os principais problemas de tráfico na vila rexistrábanse os días de feira, os primeiros e terceiros sábados de mes. Dende o inicio da pandemia, debido a redución da afluencia, o problema non existe, segundo sinala o portavoz popular, que destaca que a organización do tráfico no casco urbano é competencia do Concello, e ten que xestionar estes asuntos.
"O Concello de A Fonsagrada ten un axente de Policía Local, que se atopa de baixa por enfermidade. O goberno municipal, se a baixa é prolongada, debe de buscar a maneira de cubrir esa baixa. É máis, o Concello debe estudar a posibilidade de crear outra praza de axente de Policía Local", defendeu Regueiro.
Por outra beira, o PP da Fonsagrada, tildou de "grave" que "o Bloque Nacionalista Galego cualifique a previsión de gasto do Concello para obra pública de ineficaz, opaco e incluso malversador”. O popular fixo esta puntualización no momento en que dende a entidade local se deu conta ao pleno da acta da sesión anterior, que recolle ditas manifestacións. E é que as palabras da representante do BNG acadan unha maior transcendencia ao afirmar que “os recursos públicos foron utilizados para realizar obras privadas”.
Ao abeiro dos feitos, Regueiro censura que os nacionalistas “fagan acusacións deste tipo e, pola contra, continúen respaldando ao alcalde”; de aí que o popular convide aos edís do BNG “a facer autocrítica e a que, nun exercicio de valentía, retiren os apoios ao alcalde socialista”.
“Non se pode tirar a pedra e esconder a man, non pode ser apoiar a un partido para que goberne e logo acusalo de malversador dos fondos públicos”, insiste Regueiro.
Noutra orde de asuntos, pediron ao Concello que inste á Deputación a mellorar a estrada de Naraxa a Ponte Boadil, así como a posta en funcionamento do servizo de atención diurna, de competencia municipal, do centro residencial Rois A Fonsagrada. En terceiro lugar, propuxeron a elaboración dunha normativa axeitada que regule a colocación dos colectores de lixo situados no núcleo urbano; e, finalmente, que se instale un quitamedos na estrada LU-P-1991 dende o cemiterio de Padrón ata o cruce de Santa Juliana, co fin de aportar máis seguridade aos usuarios que toman este desvío.