O PP da Fonsagrada pide a máxima bonificación do IBI para o sector agrogandeiro
O Grupo Municipal Popular da Fonsagrada proporá no vindeiro pleno que o Concello modifique a ordenanza reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI) de forma que recolla “a máxima bonificación posible -un 95%- en beneficio do sector agrícola, gandeiro e forestal do municipio”.
E, para iso, “será necesario declarar ao sector agrícola, gandeiro e forestal de especial interese para o Concello da Fonsagrada”, explica o voceiro popular, José Regueiro.
O artigo 74 da Lei Reguladora de Facendas Locais, recolle a posibilidade de que os Concellos regularicen as bonificacións potestativas -ou voluntarias- tendo en conta
certos criterios.
Así, permite que os Concellos aproben unha bonificación do 95% da cota íntegra do imposto no caso dos inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración, que lle corresponderá ao Pleno acordala previa solicitude do propio Concello.