O PP da Fonsagrada pide que se arranxe a LU-P-1901
Os populares da Fonsagrada denuncian o estado das estradas provinciais ao seu paso polo municipio que é, en moito casos, "perigoso". Por este motivo, os concelleiros defenderon no pleno unha moción para instar á Deputación Provincial de Lugo a rematar a estrada LU-P-1901, iniciativa que se aprobou por unanimidade de todos os grupos.
O voceiro popular, Bernardo Niño, destaca a importancia de que o PP impulsase o consenso neste eido porque esta estrada provincial “é unha das máis transitadas do noso concello” ademais de ser a vía de unión co veciño concello de Navia de Suarna. “O seu estado a día de hoxe é realmente malo, chegando en gran parte do seu trazado a ser perigoso para a integridade de vehículos e persoas, polo que para evitar algunha irreparable desgraza persoal a Deputación ten que rematar as obras de ensanche e arranxo desta estrada”, sinalou.
Dende o PP tamén se defendeu unha moción para que o Concello da Fonsagrada instase á Deputación a impulsar o polígono industrial comprometido para o municipio pero que non contou co apoio de PSOE e BNG. No ano 2009, o expresidente socialista da Deputación José Ramón Gómez Besteiro, anunciou o investimento de 2.5 millóns de euros, dende a extinta Suplusa, para a creación deste polígono industrial da Fonsagrada.
Denuncian que nada máis se volveu a saber deste proxecto, excepto que “non hai nada, so silvas e maleza” o que pon de manifesto “a nula política de incentivo industrial que practican dende a Deputación de Lugo os últimos tres presidentes socialistas, co beneplático do BNG”.