O PP da provincia acusa a PSOE e BNG de “abandonar aos lucenses” en 2024
A piques de rematar o ano 2024, os deputados do Grupo Provincial Popular fan balance dun ano no que, ao seu xuízo, “aumentaron as desigualdades” entre os lucenses da provincia en función do concello no que vivan xa que “as políticas postas en marcha por PSOE e BNG unicamente beneficiaron a aqueles municipios gobernados por esas cores políticas, é dicir, polos seus amigos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, carga contra “a falta de talante e de capacidade de diálogo” do goberno de PSOE e BNG que “rexeitaron sistematicamente todas as iniciativas que presentamos unicamente porque levaban o selo do PP, sen importarlles o efecto positivo que terían na provincia e nos seus veciños, sen importarlles que moitas destas iniciativas son reclamacións veciñais, xa históricas en moitos casos”.
Os deputados populares defenderon nos 11 plenos celebrados neste 2024 66 iniciativas, repartidas en 22 mocións, 22 preguntas e 22 rogos, o máximo legal permitido. “Todas as nosas propostas foron froito de xuntanzas de traballo e do diálogo mantido cos veciños de toda a provincia e non puideron ser máis xa que tanto PSOE como BNG sempre se negaron a debater as mocións que presentamos pola vía de urxencia”.
As iniciativas defendidas polos populares durante este ano abarcaron todo tipo de materias e “buscaban mellorar a calidade de vida dos lucenses de toda a provincia, así como acadar a igualdade real”. Entre estas iniciativas sobresaen medidas para ter unha rede provincial de estradas en bo estado de mantemento e coidada, a posta en marcha dun plan provincial de turismo, colaborar cos concellos en diferentes materias como o ciclo da auga ou a recollida de animais abandonados, a apertura das residencias de maiores comprometidas ou a incorporación de diferentes propostas aos orzamentos de 2025, medidas que naceron froito das xuntanzas e conversas mantidas cos alcaldes e voceiros do PP nos 67 concellos da provincia, así como con entidades, asociacións e veciños.
Antonio Ameijide pide que neste novo ano “tanto PSOE como BNG melloren a súa capacidade de diálogo e se abran a escoitar todas aquelas propostas que redunden na mellora da calidade de vida dos lucenses, da economía da provincia e no fomento da igualdade dos veciños da provincia, sen importar no concello no que vivan”.
COMPETENCIAS PROPIAS DA DEPUTACIÓN
Antonio Ameijide insiste na necesidade de que tanto PSOE como BNG cumpran coas súas competencias á fronte do goberno provincial, é dicir, “que gobernen para todos os lucenses, sen importar no concello no que vivan, algo que non fixeron ata agora”.
O voceiro popular insta a José Tomé “a gobernar con igualdade e non como fixo ata agora” xa que durante o 2024 repartiron uns 10M€ en convenios a dedo mediante xunta de goberno e decretos de presidencia, “unha forma de actuar de PSOE e BNG, que perpetúan o caciquismo de Tomé e aumentan as desigualdades entre os concellos da provincia”.
Así, desde o Grupo Provincial Popular recordan que “o máis xusto” sería destinar eses cartos a aumentar o Plan Deputación (do que xa aprobaron as bases en solitario PSOE e BNG) chegando aos 32 millóns de euros de fondos propios, tal e como se propoñía desde o PP, para repartilos “de forma xusta, igualitaria e transparente” entre os 67 concellos da provincia, con criterios públicos e coñecidos para todos.
Ademais, piden a PSOE e BNG que cumpran “coa súa obriga de colaborar cos concellos” para o que lles instan a liderar a captación de fondos europeos, colaborar na mellora do ciclo da auga de cada concello así como na recollida de animais abandonados ou a recollida do lixo, entre outras actuacións.
Un dos eidos máis importantes no que José Tomé e seu goberno se teñen que poñer a traballar é no mantemento da rede provincial de estradas. “O plan de mellora anunciado hai uns días, pese a ser necesario, non é suficiente” xa que so contempla actuar no 6% dunha rede de 4.217 quilómetros polo que “a realidade é que se manterá o perigo ao circular xa que a práctica totalidade da rede está intransitable”. “Desde o PP seguiremos vixiantes e demandando melloras nesta rede”, advertiu.
Ademais é necesario poñer en marcha un plan anual de posta a disposición do parque móbil provincial para todos os municipios da provincia que teñan unha poboación inferior aos 20.000 habitantes, baseado en criterios obxectivos, de igualdade e transparencia, de maneira que á hora de programar a súa disposición ou traballo teñan preferencia aqueles municipios nos que este non actuara ao longo dos dous últimos mandatos ou ben sexa necesario por razóns urxentes de seguridade debidamente xustificadas.
CUMPRIMENTO DOS COMPROMISOS ADQUIRIDOS
Os deputados populares ven “urxente” que o goberno provincial cumpra cos compromisos asinados e poña en marcha os centros de día comprometidos na provincia (Trabada, Pol, Castroverde, Meira, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Ribadeo, A Fonsagrada e Ribas do Sil), así como a posta en marcha das centros de atención a maiores, para o que é imprescindible a apertura do centro de día e residencial comarcal en Becerreá (rematada hai tres anos); axilizar e finalizar as obras de construción dos centros de Guitiriz, A Pontenova e A Pobra de Brollón; iniciar as obras de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Folgoso do Courel e Portomarín; e redactar os proxectos de construción e posteriormente iniciar as CAM para os concellos de Ourol, Pantón e O Saviñao.
Antonio Ameijide pide a PSOE e BNG “que deixen no 2024 o seu sectarismo e as súas mentiras, para que a Deputación sexa o motor da provincia a través da asunción das súas competencias, o cumprimento das súas promesas e o traballo en prol crecemento económico”.
Neste senso, pide que “dunha vez por todas” se impulse un plan estratéxico para o turismo da provincia, tendo en conta as necesidades e peticións das asociacións, entidades e empresas que participan na actividade turística da provincia e que forman parte do Consello Provincial de Turismo, así como a desestacionalización do turismo co obxectivo de diversificar a oferta turística e activar a economía da provincia durante todo o ano.
Ademais é preciso apoiar sen fisuras a candidatura de Ribeira Sacra para que consiga no 2026 o recoñecemento pola Unesco como Patrimonio Mundial.