O PP de Becerreá inicia unha campaña de asesoramento e recollida de alegacións

O Partido Popular de Becerreá iniciou unha campaña porta a porta de asesoramento e recollida de alegacións entre a veciñanza do municipio, co obxectivo de acadar "igualdade de trato" para os futuros usuarios do centro de atención a maiores.
O voceiro popular en Becerreá, José Fernández Carrete, explicou que os veciños e veciñas do municipio e da comarca "temos dereito ao mesmo trato por parte da Deputación" que no resto da provincia. "É imposible de entender que pretendan que en Becerreá se paguen 810 euros máis cada mes cando outras residencias están a moi poucos quilómetros", afirmou.
En resposta a esta situación, Fernández Carrete subliñou que o equipo popular está á disposición de toda a veciñanza para resolver calquera dúbida ou axudar na elaboración e presentación das alegacións. "Os meus compañeiros e eu estamos dispoñibles 24 horas ao día para axudar a calquera veciño ou veciña", asegurou.
Ademais da diferenza de prezos, o PP de Becerreá considera que tamén é indispensable que os 1.318.781,18 euros da baixa da obra sexan destinados ao equipamento da residencia, xa que, segundo Fernández Carrete, "son uns cartos comprometidos con Becerreá e deben ser investidos no municipio".
Con tan só 15 días restantes para presentar alegacións, o voceiro popular destacou que non descansarán para axudar a toda a veciñanza a presentar as súas alegacións. "Non se trata de cores políticas, senón de facer xustiza", afirmou.