O PP de Becerreá quere recuperar o GES

LugoXa
O PP de Becerreá aposta por recuperar o GES, un servizo “fundamental” para a comarca en materia de emerxencias
pp becerrea diego calvo
11 Maio 2023

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Becerreá, José Fernández Carrete, aposta por “volver a dotar a Becerreá dun servizo fundamental como é o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), unha vez resolto o procedemento xudicial polos traballadores afectados polo ERE”. Así o explicou coincidindo coa visita ao municipio do vicepresidente segundo e responsable de Presidencia, Xustiza e Deportes do Goberno galego, Diego Calvo.

O alcaldable popular defende o “labor fundamental” que desempeñan os GES en materia de emerxencias e, especialmente, “na nosa comarca que é unha zona montañosa, cunha orografía complicada e onde vive xente maior”. Alcaldes e candidatos da zona coinciden en que “a perda deste servizo supón un prexuízo para tódolos concellos dos Ancares” porque, ao depender dos bombeiros de Sarria, aumenta o tempo de resposta ante calquera emerxencia.

Así mesmo, Carrete explica que os traballadores do GES realizaban outras tarefas para o Concello de Becerreá polo que “a falta dese persoal nótase na desatención na que se atopan agora as rúas e os núcleos rurais”. Igualmente, cre que “este servizo contribuiría tamén a potenciar o sector turístico na comarca ao garantir unha mellor atención en materia de emerxencias”.

O candidato do Partido Popular á alcaldía tamén sinalou que “o apoio da Xunta é fundamental para os Concellos porque non se poden soster só con fondos propios”. É por iso polo que Carrete defende “o diálogo e a colaboración entre as distintas administracións” para impulsar actuacións en beneficio dos veciños e que permitan “sacar a Becerreá do estancamento no que se atopa”.

INFRAESTRUTURAS DEPORTIVAS DE CABECEIRA DE COMARCA

O PP de Becerreá aposta por potenciar o deporte tendo en conta que “somos cabeceira de comarca”. Nese sentido, aproveitou para trasladarlle ao responsable da área de Deportes da Xunta a conveniencia de “mellorar o pavillón municipal e dotalo con baños para o público”. Así mesmo, cre axeitado actuar no céspede de herba artificial do campo de fútbol que usa a SD Becerreá, que conta con máis dun cento de rapaces de Becerreá e concellos da zona nas súas escolas deportivas”.

0.15236306190491