O PP de Castroverde culpa ao Concello de que se anulara a licitación do SAF

LugoXa
O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anula a licitación do SAF de Castroverde e o PP responsabiliza ao Concello.
16 Xul 2021

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia anula a licitación do servizo de axuda no fogar de Castroverde. Así se especifica na resolución emitida por este órgano e que obriga ao Concello a iniciar de novo o procedemento de contratación. O voceiro popular, Rubén Otero, amósase “moi preocupado por tal resolución e responsabiliza de xeito directo ao Concello, por esta administración a que ten as competencias directas para a adxudicación e contratación desta prestación".

O ditame, que xa foi posto en coñecemento da entidade local o 9 de xullo, confirma, segundo apunta o popular, “o que viñamos denunciando e avisando dende hai meses”. “Demóstrase que o Concello nin o fixo ben, nin tampouco se interesou por buscar unha solución”, destaca.

Concretamente, esta resolución prodúcese logo do recurso interposto pola empresa Protección Geriátrica 2005 S.L contra a adxudicación da contratación do servizo de atención a domicilio. Detállase na mesma que se estima dito recurso, así como o seu carácter definitivo na vía administrativa, polo que contra ela só cabe apelar á Sala do contencioso-administrativo do Tribuna Superior de Xustiza de Galicia.

Os populares queren seguir sendo "prudentes con todo o exposto", pero si que remarcan que "é responsabilidade do rexedor estar ao corrente de como se desenvolve e informar aos grupos políticos de todo o que conleva esta prestación, ademais de levar a cabo as xestións oportunas para que o servizo, que beneficia a máis dun cento de familias en todo o municipio, non se vexa alterado, xa que con elo os que perden son os que menos culpa teñen, que son as persoas que precisan desta atención”.

0.36196899414062