O PP de Castroverde esíxelle ao Concello a limpeza de zonas verdes coma o campo da feira
O portavoz do PP de Castroverde, Pablo Figueiras, critica ao actual goberno municipal en materia de “limpeza, acondicionamento e roza” de áreas verdes coma as do campo da feira ou o patio do colexio. “Esixímoslles que se poñan a traballar e se limpen todas as zonas verdes municipais de forma inmediata”, engade.
O popular comparte a preocupación dos pais e nais dos alumnos e alumnas sobre a seguridade no patio do colexio onde a herba está sen cortar e alcanza xa bastante altura. Igualmente, os concelleiros do Partido Popular de Castroverde advirten do estado do campo da feira: “O seu aspecto non convida a ninguén a achegarse os domingos de feira o noso concello”, lamentan.
Nese sentido, piden o seu acondicionamento: “agardamos que para a seguinte feira o equipo de goberno teña feitos os deberes e o campo se atope en boas condicións”. Pablo Figueiras sinala estes casos como exemplos de “deixadez” por parte do alcalde e o seu goberno e convida a desenvolver os traballos de limpeza, acondicionamento e roce das zonas verdes de forma periódico seguindo un plan de actuacións no que teña moi en conta as zonas de uso infantil.