O PP de Castroverde lamenta que o socialista Caballero nunca anuncie investimentos no municipio
O PP de Castroverde lamenta que o socialista Gonzalo Caballero, nas súas visitas a Castroverde, nunca anuncie investimentos no municipio, así, "como a todo turista que se interesa por coñecer o municipio, o PP de Castroverde agradece a visita do socialista Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG. É bo que un líder político coñeza o territorio, sinala o portavoz popular en Castroverde, Rubén Otero, que, a renglón seguido se pregunta se, ademais de visita turística, Caballero chegou a Castroverde para comunicar algún investimento decidido polo Goberno do socialista Pedro Sánchez", din.
Otero di “moito me temo que Caballero non falou de investimentos en Castroverde. Xa estivo algunha outra vez e nunca foi para anunciar a execución de proxectos que favorezan aos veciños desde concello”. O mesmo representante do PP sinala que, seguramente, “o paseo que deu pola provincia o señor Caballero ten moito máis que ver cos problemas que ten dentro do seu partido, do que, como se descoide, vai deixar de ser secretario xeral”.
Incidindo na mesma liña, Rubén Otero manifestou: “O secretario xeral do PSdeG cando nos visita sempre vén coas mans baleiras; sería bo que, cando veña a Castroverde, traia algo que anunciar aos veciños. Pero iso si, o alcalde faille un recibimento como se trouxera un investimento de millóns de euros para o concello”.