O PP de Castroverde pide explicacións da renuncia a unha axuda para puntos limpos móbiles
O Concello de Castroverde vén de renunciar a unha axuda da Xunta de Galicia para a instalación de puntos limpos móbiles, e que se enmarca dentro da liña de subvencións creada pola Consellería de Medio Ambiente para tal fin. Así o indican os populares deste municipio, que non entenden como un alcalde “se pode permitir o luxo de dicir non a uns cartos que proveñen doutra administración e que serven para prestar un servizo aos veciños”. É por este motivo polo que lle piden ao socialista que dea conta dos motivos da súa decisión.
“Sabemos que Castroverde non destaca pola xestión e o traballo do alcalde está a ser bastante cuestionado, pero é difícil de comprender que se lle diga que non a este tipo de colaboracións que teñen un custe cero para os Concellos”, insisten.
Para os populares, “non existe ningunha razón para desperdiciar estas achegas que son importantes, sobre todo, para os municipios máis pequenos, nos que o o orzamento municipal é o que é, e os recursos que proveñen doutras administracións sempre serven para ofrecer máis prestacións”. Por este motivo, tildan a decisión do rexedor de “irresponsable”, agardando que o 28 de maio se produza un cambio de goberno e Castroverde “teña por fin un equipo que traballe e xestione eficazmente os fondos públicos”.
Máis de 45.000 euros para Castroverde
Concretamente, o rexedor socialista renunciou aos 27.000 euros concedidos polo Goberno galego para a instalación destes puntos móbiles. Esta foi unha das tres axudas concedidas á entidade local para o tratamento do lixo, e que en total superan os 45.000 euros. Ademais da instalación de puntos móbiles, estas achegas están destinadas á implantación, mellora ou ampliación da recollida separada de biorresiduos.