O PP de Castroverde propón crear un servizo para varrer as rúas da vila
O portavoz popular Rubén Otero reclama "a creación dun servizo de varrido de rúas, que inclúa o baldeo frecuente de calzadas e beirarrúas".
Dende o PP din que "con frecuencia son os propios veciños os que se encargan de varrer as beirarrúas diante dos portais dos seus edificios ou dos seus negocios. É máis, nalgún caso proceden a facer labores de baldeo con aparatos de auga a presión, á vista da sucidade que presenta o pavimento". Otero sinala: “O goberno local ten que demostrar un mínimo de sensibilidade para manter nas debidas condicións á vila de Castroverde. E unha parte fundamental é a limpeza viaria, que non se está a facer máis que moi ocasionalmente. Xa é hora de que en Castroverde haxa algún varredor ou varredora”.
Os populares indican que de cara ao orzamento do próximo ano, o Concello debe prever xa a creación do servizo para varrer as rúas da vila. Otero sinala: “Se está vinculado á recollida de lixo, estará ben; se é unha prestación aparte, tamén pode ser. O caso é que todos os días se varran algunhas rúas da vila, porque é a única maneira de que estean limpas, como deben estar”.