O PP de Castroverde propón unha taxa para o uso da piscina con bonificacións para os empadroados

LugoXa
Os populares tamén propoñen por unha banda que o Concello aporte unha axuda económica ás comisións de festas das parroquias para colaborar cos gastos da organización das patronais
castroverde-concello
Concello de Castroverde
27 Maio 2024

O PP de Castroverde defenderá no vindeiro pleno municipal dúas iniciativas coas que pedir ao goberno local implicación no mantemento das tradicionais festas patronais da distintas parroquias e na mellora da xestión das instalacións das piscinas municipais, de forma que se contribúa a sufragar os seus gastos e mellorar as instalacións e servizos que ofrecen.

O portavoz, Pablo Figueiras, explica que “os concelleiros do Grupo Municipal Popular trasladamos ao pleno da corporación propostas que responden ás peticións e preocupacións dos veciños de Castroverde”. Así, veñen de rexistrar formalmente dúas iniciativas para as que agardan o apoio do resto dos grupos da corporación municipal para a súa aprobación. Os populares propoñen por unha banda que o Concello de Castroverde aporte unha axuda económica ás comisións de festas das parroquias para colaborar cos gastos da organización das patronais deste ano e que formalice unha contía con subvención directa con cargo aos presupostos dos vindeiros anos.

“A organización das festas patronais supón esforzos persoais e económicos; polo que nalgunhas parroquias lles resulta complicado e noutras nin se plantexan organizalas porque son poucos veciños e non poderían facer fronte a eses gastos. Por iso propoñemos que o Concello apoie estas celebracións que son motivo de xuntanza para os veciños e veciñas e que contribúa a que non se perdan estas tradicións”, explica Figueiras.

Taxa polo uso das piscinas

Os concelleiros do PP tamén urxirán iniciar a elaboración dunha ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización das instalacións da piscina municipal co obxectivo de sometela canto antes á súa aprobación ante o Pleno da Corporación Local. A proposta dos populares recolle unha bonificación do 50 % para os veciños empadroados no Concello e a exención do pago para os menores de 5 anos empadroados en Castroverde.

Pablo Figueiras sinala que “o custo de mantemento das piscinas municipais é importante e, ao ser a entrada gratuíta, a prestación deste servizo é deficitario. E co establecemento dunha taxa polo uso das instalacións contribuiríase a sufragar os gastos do propio servizo sen supoñer unha maior carga para as arcas municipais”.

Así mesmo, considera apropiado que os veciños e veciñas de Castroverde se beneficien dunha bonificación ao contribuír xa ao mantemento doutros servizos municipais a través dos seus impostos”. Os populares tamén propoñen a gratuidade para os menores de 5 anos empadroados no Concello “para fomentar o seu uso sen que xere unha carga para as familias”.

0.19278597831726