O PP de Castroverde solicita a mellora dos sinais de tráfico

LugoXa
El PP de Castroverde solicita la mejora de las señales de tráfico para garantizar mayor seguridad vial en el municipio.
sinais castroverde pp
28 Abr 2022

A sinalización é un elemento decisivo para a seguridade vial. Na rede de estradas do Concello de Castroverde os sinais, ademais de escasos, presentan un xeralizado mal estado, que nalgún caso, máis que facilitar unha “lectura” correcta do que prohiben ou indican, só é posible intuílo. O portavoz popular, Rubén Otero, pide ao goberno local, presidido polo socialista José María Arias, que faga un estudo de necesidades en canto á mellora da sinalización das vías que dependen do Concello para programar a súa substitución.

Otero indica que moitos dos sinais das estradas municipais sofren un nivel de deterioro que impide que cumpran adecuadamente o seu fundamentalmente obxectivo. Nalgúns casos, bastaría con limpar debidamente os sinais, especialmente naqueles en que están debaixo de arboredas ou en puntos con moita humidade. O portavoz popular indica: “O que está claro é que non se pode manter a actual situación. Hai que limpar os sinais nos casos en que o problema é a sucidade; hai que cambiar aqueles que non teñen amaño e repoñer os que desapareceron. Ademais é necesario incrementar o número de sinais, porque é evidente que hai moitos puntos da rede municipal nos que son necesarios”.

Otero explica que tamén é preciso que o goberno local tome en serio a necesidade de mellorar a sinalización horizontal, inexistente en moitas das pistas municipais. “Hai algunhas nas que, polas súas características, é necesaria esa sinalización”.

Os populares din que ademais dos sinais de tráfico propiamente dito hai outros elementos aos que tamén hai que prestar atención porque son importantes para a seguridade viaria. É o caso, di Rubén Otero, dos espellos que facilitan o tráfico en cruces con moi pouca visibilidade. Algúns desapareceron, outros están tan sucios que non serven para nada e hai outros que hai que substituír porque están moi deteriorados.

0.18694400787354