O PP de Cervantes aposta pola creación dunha área de servizo de caravanas

LugoXa
Os populares proporán que o Concello estude a posibilidade de acondicionar unha área de servizo para caravanas.
25 Xuño 2021

O Grupo Municipal Popular de Cervantes defenderá no pleno do vindeiro mércores unha iniciativa de impulso ao turismo no municipio. Así, os populares proporán que o Concello estude a posibilidade de acondicionar unha área de servizo para caravanas co obxectivo de facilitar este servizo aos seus usuarios interesados en visitar Cervantes.

O voceiro popular, Javier Santín, explica que “o noso municipio non conta con este tipo de áreas habilitadas para as paradas técnicas de caravanas ou autocaravanas con servizos coma toma de auga, contedores do lixo e puntos de baleirado de augas, entre outros”. O popular cre conveniente “aproveitar a inercia da revitalización do turismo en grandes espazos abertos ao aire libre e, polo tanto, do turismo na zona rural que xorde na actualidade derivada da pandemia da covid19; tendo en conta o valor do entorno natural e paisaxístico de Cervantes e o seu potencial turístico”.

Santín explica, ademais, que “se trata dunha demanda do colectivo” que se debe atender porque “é un tipo de turismo que pode encaixar moi ben no noso territorio”.

Apoio aos afectados polo incendio dunha nave gandeira

Os populares proporán tamén na vindeira sesión plenaria que o Concello se implique coa familia afectada polo incendio dunha nave da súa explotación gandeira. Santín explica que “ante esta situación tan dramática, o Concello debe axudar, na medida do posible. Por exemplo, ofrecendo o apoio de operarios municipais para realizar tarefas de limpeza”.

Así mesmo, o voceiro popular proponlle ao goberno local habilitar unha conta bancaria para recoller doazóns totalmente voluntarias dirixidas á reconstrución da nave gandeira afectada polo incendio. “É unha medida de apoio na que o Concello pode tomar a iniciativa facilitando aos veciños que puideran estar interesados en colaborar unha conta na que depositar as súas doazóns voluntarias que se dirixirían exclusivamente a sufragar os custes derivados do incendio”.

Falta de control de obras municipais

Os populares, por outra banda, pedirán explicacións ante a "reiterada falta de control sobre as obras municipais". O portavoz explica que “as obras de rehabilitación da estrada que une os lugares do Padornelo, Drada e Orbán quedaron mal” e lamenta a "falta de revisión e control dos traballos por parte do goberno municipal". Santín considera que “o Concello debe ser rigoroso coa execución das obras de cara á optimización dos recursos para facer fronte ás necesidades de Cervantes neste sentido”.

Santín móstrase crítico sobre este asunto porque “non é a primeira vez, senón que é un exemplo máis da falta de interese do goberno por revisar as obras executadas con cartos públicos”. Así mesmo, engade que “o concelleiro de vías e obras debería ser o responsable de revisar estes traballos” e por iso considera “moi preocupante” que “non faga o traballo que lle corresponde especialmente neste mandato que é o primeiro no que recibe do Concello unha retribución que pagamos todos os cervantegos”.

0.19996309280396