O PP de Cervantes esixe unha rectificación ao alcalde tras admitir irregularidades nos contratos do SAF

O Partido Popular de Cervantes reclamou unha rectificación inmediata ao alcalde e ao seu equipo de goberno despois de que no último pleno municipal se recoñecese a existencia de irregularidades nos contratos das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. O voceiro popular, Óscar Fernández, considerou imprescindible que o rexedor pida desculpas publicamente tras meses nos que, segundo denunciou, negou reiteradamente esta situación, cualificando ese comportamento como unha cadea de mentiras mantidas no tempo.
Fernández subliñou que o recoñecemento feito polo voceiro socialista resulta especialmente grave porque durante meses mantivo ás traballadoras do SAF nunha situación moi complicada, marcada pola inseguridade laboral e pola falta de garantías nos seus dereitos. Ao seu xuízo, durante anos o goberno municipal socialista optou por mirar para outro lado, ignorando advertencias e rexeitando calquera crítica, ata que finalmente admitiu en público unha realidade que, segundo o PP, deixa en evidencia a súa falta de preocupación por un servizo esencial no municipio.
Entre as irregularidades detectadas atópase a vulneración de dereitos laborais básicos, como o correcto pagamento da quilometraxe, unha deficiencia que os populares atribúen directamente á mala xestión do actual goberno local. Para Óscar Fernández, esta situación non pode reducirse a un erro administrativo puntual, senón que responde a unha grave irresponsabilidade política e a un desprezo tanto polas traballadoras do SAF como polas persoas usuarias do servizo, que teñen dereito a unha atención digna, legal e de calidade.
Ante este escenario, os concelleiros do Partido Popular de Cervantes esixen a regularización inmediata dos contratos das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, coa inclusión clara do pagamento da quilometraxe, así como a asunción de responsabilidades políticas pola xestión realizada e explicacións claras e transparentes á veciñanza sobre o ocorrido e sobre as medidas que se van adoptar para corrixir a situación.